Continuamos a nosa sección de entrevistas falando con Jorge Perianes, artista plástico cuxo perfil estético transita entre o pictórico e o escultórico e cuxa intención conceptual se enfronta a preocupacións universais onde a morte, o tempo ou a natureza funcionan como ideas constantes. Poboado de referencias a elementos cotiáns, de imaxes estrañas que logran pór en xaque nosas propias crenzas, o seu traballo funciona máis aló do universo plástico, establecendo vínculos con diferentes campos do pensamento.
Actualmente está representado pola galería Max Estrella de Madrid e expuxo en diferentes institucións e espazos artísticos a nivel nacional e internacional. A súa obra forma parte de varias coleccións como a do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela; MUSAC, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León o la Colección olorVisual de Barcelona, entre outras.
Cales eran as túas preocupacións, formais e conceptuais, cando estudabas Belas Artes e como consideras que maduraches como artista?
As miñas preocupacións básicas cando estaba na facultade eran formarme e lelo todo e, en realidade, non variaron moito estas premisas (amosa certo grao de inxenuidade, quizais) e tampouco podo considerarme maduro en case ningún aspecto. Talvez unha procura de mínimos, un intento de depuración e destilación de esencias poidan considerarse un avance. Doutra banda, o público estivo moi presente no meu pensamento nos meus inicios, agora tamén pero de forma diferente (con menos concesións, por exemplo).
As túas obras xogan a alterar a percepción do real, provocan sensacións enfrontadas para ofrecer novos puntos de vista sobre o que vemos ou concibimos como establecido. Que cuestións interésache explorar?
Interésame explorar ao ser partindo dos seus extremos, tratando de cercalo; o ser no seu máis amplo sentido, con todas as súas ambigüidades e complexidades. Considero que as miñas preguntas son as clásicas (a natureza, a morte, o tempo, etc.), seguramente as que calquera persoa se expón. En todo caso, espero que calquera tipo de arte nos enfronte sempre a elas, sen subterfuxios e con profundidade.
Como se inicia o teu interese por investigar e construír estes diálogos perceptivos?
O meu interese por investigar iníciao unha curiosidade vital, propia; a construción é un esforzo de transmisión e un intento de diálogo co público, polo que se inicia a partir da demanda e a posibilidade que me foron dando para realizala e despregala en espazos expositivos. Considero que é san e medianamente obrigatorio o establecemento das canles adecuadas para que isto poida seguir fomentándose, establecendo así o diálogo vivo coas xeracións sucesivas; enriquécenos a todos.
A morte é unha das constantes que manexas no teu traballo, que á súa vez se relaciona coa natureza e o ser humano, desde que perspectivas abordas estes conceptos?
A morte sempre como o non ser, asociada desta forma á idea de tempo e construción, e todos os elementos que entran nestes conceptos (a súa representación e a maneira que teñen de entenderse ou encubrirse). É un tema amplo, convén formarse nel a nivel literario, sociolóxico, filosófico, neurolóxico, etc. e traducilo ao noso campo: o plástico. É un traballo a tempo completo, que evoluciona coa idade (ou debería facelo). Non se pode resumir en palabras, pero talvez si nunha imaxe ou unha serie (oxalá).
Empregas símbolos propios do día a día, combinando obxectos amables con elementos que transmiten a idea de demolición, de fraxilidade. Que lecturas ou sensacións esperas por parte do espectador?
Espero que se poida expor todo o que subxace baixo calquera tipo de construción, xa sexa natural ou humana, esa beleza xorda e fría, fráxil e dura, efémera e infinita; un eco que se repite, confunde e angustia pola súa insistencia e exaltación renovada (non é isto unha crítica).
Fuches modificando a túa obra, pasando dun perfil máis barroco e narrativo a fórmulas máis puídas. Como vas introducindo estes cambios e que supoñen na túa traxectoria artística?
Gustaríame que se fosen introducindo de maneira natural e coherente. En arte non debe haber unha intención consciente (entendida como un fin diferente á arte mesma) en cada unha das súas liñas de formulación ou traballo. Ante todo debe imperar unha curiosidade real seguida dunha investigación continua e unha formulación honesta para contigo mesmo e co público. A arte ten a maxia de ser algo vivo ao que lle é imposible mentir (no seu nivel máis esencial). O sarcasmo cheira, e cheira a podrecido, porque é sinal de morte próxima.
Ao principio o teu traballo transitaba entre o pictórico e o escultórico, de feito, iníciaste no mundo da arte como pintor. Actualmente parece que te inclinas máis cara á exploración da arquitectura e o volume. Segues atopando inspiración na pintura?
Por suposto, a pintura é a base, é misterio puro. Dela parte todo. É, ademais, a arte máis radical que existe no momento actual e iso é debido precisamente ao concepto tempo (entre outras moitas cousas): o que a pintura esixe é oposto ao que demanda o zeitgeist actual.
Traballas moito a relación espacial, procurando que as obras se inscriban nunha atmosfera determinada. Que características contemplas á hora de expor as túas pezas?
O espazo manda, é prioritario, imposible obvialo. Con todo, non é o mesmo expor en bloque todo un proxecto que adaptarse a un complexo e con poucos medios. De todos os xeitos os retos gústanme, traballar coa cabeza é absorbente e fascinante, por iso sigo facendo arte.
Actualmente participas na exposición colectiva Dá árbore á cadeira. A madeira e a súas artes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Alí creaches a instalación Sen título. Fálanos deste proxecto e de como se xestou a peza.
Xestouse como todas as destas características, moi lentamente. Primeiro nun diálogo co curador para definir uns mínimos e tratar de axuntar e equilibrar propostas (sempre coa maior liberdade), ou sexa, un diálogo coa liña teórica da exposición. Despois, un diálogo co espazo que me foi asignado e logo un diálogo coa miña propia liña de discurso e coas ideas novas que o proxecto me suxire. Por último, tamén supuxo un diálogo cos montadores e mesmo cos gardas de seguridade, etc. (ao convivir varios días con eles). O diálogo final é o que se establece co público. É, pois, un proceso longo e depurado no que o máis importante é, como non, o logos.
Expuxeches en diferentes espazos nacionais e internacionais, as túas pezas vendéronse en ARCO e estás representado pola galería madrileña Max Estrella, que aspectos destacarías da túa traxectoria profesional e como atopas a escena artística actual?
A miña traxectoria analízoa (desde a miña perspectiva, claro) como lenta pero con pasos todo o medianamente sólidos que permite un contexto como o español. Da escena pódese dicir que ten o mérito de ser loitadora e insospeitadamente renovada en enerxías e ánimo, e iso que non é camiño fácil! Ás veces podo entender que moitos tirasen a toalla, non vivimos o mellor momento para o gremio… e a vida é curta (e as enerxías). Ademais, hai que pagar as facturas e tratar de levar unha vida adulta (economicamente falando), un imposible as máis das veces. Espero respostas políticas ao tema e un mundo máis honesto (por todas as partes).
Como artista dis que valoras os retos, continuar investigando sen asentarche nun estilo fixo. Tes algunha nova meta entre mans?
A miña meta é lelo todo (repito, pechando o círculo) e xa non por afán de coñecemento, talvez isto converteuse para min nunha tara, non o sei. En todo caso, só espero que poida traducirse nunha tara produtiva posto que se corre sempre o perigo de melancolía inoperante (lembremos a magnífica análise de Burton, por recomendar un texto).
Moitas grazas Jorge!