Doutor e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Joan Morera Arbones sente atracción pola historia e a memoria; por todos aqueles relatos que deixan entrever as connotacións humanas e sociais nas que un territorio se ve inmerso. No seu traballo a fotografía funciona habitualmente como medio, como instrumento catalizador de diferentes narracións que evidencia e interpreta. Como quen fisga entre documentos, arquivos e obxectos, Morera compón os seus discursos partindo do múltiple para reflectir despois os seus puntos de intersección. As súas historias forman parte dunha paisaxe e as súas paisaxes son historias que non se entenden sen a implicación directa dos homes e mulleres que os habitan, compoñen e modifican.
Implicado, como diciamos, na exploración do territorio e as súas connotacións sociais, Joan Morera Arbones realizou diferentes estancias de investigación. Estivo no Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) de Bos Aires (2014), foi residente do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (2016) e do Colexio de España en París (coa bolsa FormARTE do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, 2017), onde iniciou un proxecto que actualmente se atopa desenvolvendo en BilbaoArte. Traballou con institucións como o MARCO de Vigo ou a Fundação de Serralves do Porto (Portugal) e coa Galería Adhoc de Vigo.
Interésache a fotografía de arquivo, rescatar aquelas imaxes tomadas por outras persoas que, sen perseguir un interese artístico, buscaban capturar o seu día a día, as súas vidas, a través da cámara. Cando e por que xorde este interese por narrar a través do outro no teu traballo?
Desde hai xa uns anos interésame a fotografía (non sei desde cando exactamente), así como outro tipo de documentos. En canto a “narrar a través do outro”, creo que esa inquietude xa se pode ver nos meus primeiros proxectos fotográficos. Aínda que máis ben o que tento é relacionarme co outro para logo convidar ao espectador a viaxar por un relato visual. Ademais da fotografía interésanme a historia e as historias. Ambas funcionan como ferramentas e material de traballo ao mesmo tempo. Por iso modifícoas, reconstrúoas, moldéoas ou as retorzo segundo o proxecto.
Algunhas pezas son, con todo, apropiacións que non o son tanto. Trátase de rescatar recordos familiares, parte da túa propia historia, para despolvar a súa memoria e conformala en novos formatos de lectura e percepción. Penso no proxecto More(i)ras, que parte da relación da túa avoa con Arxentina, tomando como punto crave as Cataratas do Iguazú. A partir de aí, trazas toda unha analoxía de encontros que van do autobiográfico ao social, das fotografías dos álbums familiares a imaxes actuais tomadas por ti mesmo de mulleres paseando. De que maneira relacionas todas estas memorias e que conceptos queres subliñar?
En More(i)ras a paisaxe aparece como colectora de significados. Se parte dun lugar, as Cataratas de Iguazú, que significa auga grande en guaraní e é unha paisaxe icona e símbolo de Arxentina. Elixín en concreto este lugar porque ten un peso simbólico moi grande, ademais de ser un emprazamento moi turístico cuxas imaxes e clixés son moi emblemáticas e repetitivas. Para pór isto en evidencia combinei relatos e vivencias que teñen que ver co territorio, tomando as cataratas como nexo de unión e a miña experiencia persoal con ese espazo desde o outro lado do Atlántico. Ao fin ao cabo, se parte dun exercicio clásico de representación da paisaxe onde esta xorde da relación do suxeito co territorio, só que, desde outra perspectiva, esta relación xa está mediada por imaxes e relatos. Tamén se parte da actividade do viaxeiro explorador decimonónico, pero neste caso xa sabemos que non hai ningún lugar virxe que descubrir, nin conquistar. Para realizar o proxecto utilicei documentos persoais que tiñan que ver coa miña relación coas Cataratas. Relación que existe a través de representacións fotográficas familiares e domésticas da miña avoa en Arxentina en 1987, así como imaxes de películas de Hollywood, en concreto La misión (Roland Joffé, 1986). A partir de aí realicei unha viaxe por Cataratas, do cal deixo constancia a través de imaxes en branco e negro, buscando en certo xeito esa experiencia do lugar/paisaxe que herdara a través doutras representacións e que, dalgunha maneira, non era quen de alcanzar.
En canto ao que comentas do apropiacionismo, apropiarse de algo que xa é teu é complicado (refírome ás imaxes de arquivo). Pero ás veces si que me apropio de imaxes, obxectos, estilos, etc. que me son alleos para traballar con eles. Nestes casos si hai algo de apropiacionista. Cústame recoñecer o orixinal e xenuíno, talvez por iso tenda a iso. Gústame traballar coa miña contorna máis inmediata e o meu contexto. Por suposto, hai moitas formas de traballar co contexto e, por agora, eu fíxeno así. Se traballei con material autobiográfico ou familiar é porque un día pensei que xa ía tocando, que era o momento e apetecíame facelo. Precisamente xogando con este tipo de material tómase distancia sobre el. Creo que nos proxectos artísticos e/ou de investigación é moi importante a pertinencia en relación ao seu contexto. Así é como me interesa a arte: como unha práctica contextual. Estamos inmersos no século das periferias dos relatos subalternos e, como dixen antes, isto xa toca.
O álbum fotográfico, ou aquelas prototípicas imaxes nas que sorrimos fronte a un monumento, non teñen un carácter artístico tal e como o entendemos pero si responden a unha serie de patróns formais establecidos (a composición frontal, as poses antinaturais…). Cando as rescatas do seu contexto para situalas na sala de exposicións se reformula o seu valor estético. Rompe esa barreira velada que separa o artístico do amateur e tamén se revisa a noción de autoría.
Do seu contexto non hai que rescatalas, aí están moi ben. En todo caso, poderiamos rescatar as imaxes perdidas ou esquecidas cuxas historias descoñecemos; como esas que se acumulan nos rastros, orfas de relato. Imaxes que sempre interpelan aos observadores curiosos, precisamente porque descoñecen a súa historia.
Habería que puntualizar que o amateur si que pode ser artístico, non son palabras opostas. No amateur pode haber moita intención artística, coñecemento e saber facer. En todo caso será a fotografía doméstica, de práctica corrente ou fotografía ocasional (como me gusta chamala) a que non sería artística e, aínda así, as fronteiras son moi porosas. De feito, se atendemos á realidade social do contexto artístico (polo menos en Galicia e España), podería interpretarse que a gran maioría dos artistas son grandes amateurs ou afeccionados dado que case ningún gaña a vida coas actividades exclusivamente artísticas, é dicir, como artista. Neste sentido, síntome moi próximo aos amateurs e aos “artistas domingueiros”, debe de ser das tipoloxías de artista máis interesantes que coñezo. A diferenza entre o artístico e o amateur é máis unha cuestión de xerarquía de poder que outra cousa, cada un ocupa un espazo diferente.
No teu traballo incorporas a miúdo parte do material documental empregado no proceso investigador, previo á materialización da obra. Unha vez no espazo expositivo, como escenificas e pos en diálogo estes elementos para activar o percorrido visual?
É coma se pelases unha cebola ou abrises unha matrioshka. Capa a capa, trátase de ir escarvando ata que notas que pica. Formalmente, adoito tender ás interseccións de elementos que me serven de ligazón e que conectan unhas cousas con outras, mesmo aínda que a priori poida parecer que non teñen conexión. Aparece unha estética de pasadizo: pasaxe e paisaxe. Establécense outras rutas, mapas e xeografías. Xogo coa historia e a estética destes lugares e vivencias buscando outra forma de contar e é esa procura o que poño en evidencia. Para iso intento “domar” o espazo/lugar onde expoño: facelo meu. Pero non teño unha fórmula máxica, segundo o espazo de exposición e o proxecto varía bastante. Cada vez interésome máis pola montaxe, é dicir, penso máis nun proxecto completo que nunha peza que funcione por si soa. Isto lévame a traballar co espazo no seu conxunto establecendo moi ben a orde, xogando coa disposición das pezas, a iluminación, os contrastes de formas, etc. Tendo moito a traballar con xeometrías, con formas básicas; montaxes herdeiros de correntes abstractas. Interésame porque precisamente son formas que se adoitan utilizar para todo o contrario, eliminar calquera ápice de narratividade ou pegada humana. E, como a min iso paréceme imposible, aprovéitome dese paradoxo. Inevitablemente, por moito que tentes non dicir nada, sucede o contrario. E iso fascíname.
Outra das túas inquedanzas é a paisaxe, patente no teu traballo tanto a nivel artístico como teórico. Parece haber acordo en que a palabra paisaxe foi utilizada por primeira vez para referirse á representación dun espazo campestre na pintura. Desde esta primeira formulación ata hoxe, a arte expandiu os seus métodos de reflexión e representación. Podemos entendela, a grandes liñas, desde a connotación romántica ou contemplativa ata a súa inmersión socio-cultural, a paisaxe como territorio. Cal é a túa maneira de achegarche á paisaxe desde o artístico?
Interésame a paisaxe como lugar e o lugar como paisaxe e Galicia é un país de lugares. Desde esta perspectiva a paisaxe funciona como colectora de significados, por iso investigo sobre a construción simbólica da paisaxe galega. Por iso, adoito basearme en documentos (fotográficos ou doutra índole) xa existentes. Cando empecei a traballar sobre a paisaxe preocupeime por aspectos que tiñan que ver co habitar un lugar. Estes non adoitan ser tan evidentes e non se aprecian nunha primeira ollada, realizando un encadre panorámico sobre unha porción de territorio. É dicir, busco indagar máis aló da paisaxe herdada da tradición pictórica decimonónica con toda a súa carga política, ideolóxica e estética, sendo conscientes de que esta herdanza é moi redundante en canto temáticas, discurso e recursos plásticos. Todo isto está moi influenciado por unha noción de territorio e xeografía que foxe das representacións máis cartesianas e busca outras paisaxes e xeografías a priori ocultas, invisibles e mesmo intanxibles. Un día descubrín que Joan Nogué referíase a isto como outras paisaxes.
En resumo, trátase de traballar sobre a paisaxe desde un enfoque antrópico. Desde a crenza de que, polo menos en Galicia, cada centímetro do territorio foi traballado e modificado pola man dos homes e mulleres que a habitan.
Desde diferentes perspectivas, varios artistas plásticos e cineastas galegos comparten un interese pola representación da paisaxe nas súas pezas. Crees que, polas súas características orográficas, meteorolóxicas e culturais Galicia exerce unha influencia concreta, ás veces evidente e outras case involuntaria, nos creadores?
Si. Claro que inflúen todos eses elementos, inflúen dunha maneira máis ou menos específica e diferenciada sobre os artistas e non artistas sexan da orixe que sexan. Eses elementos que nomeas coinciden, precisamente, co que se adoita chamar os “trazos diferenciais”. Aínda así, creo que hai que aceptalo, non só os galegos temos morriña, aínda que a morriña sexa galega. Isto non só sucede aquí. Dunha maneira ou outra, de forma máis ou menos consciente, cando se traballa sobre a paisaxe, neste caso a galega, hai unha tradición paisaxeira que pesa e que non é anecdótica. Habería que preguntarse ata que punto e de que maneira é esta tradición chea de tópicos a que pesa e non o contexto contemporáneo galego, nesas prácticas paisaxeiras ou paisaxísticas.
Na miña opinión, desde diferentes posturas (tanto políticas e ideolóxicas como estéticas) o que máis inflúe aos creadores de toda índole, galegos e non galegos, é a imaxe de Galicia que herdamos. Isto pode ser de interese para alguén ou simplemente non importarlle nada, condicionando bastante a forma de aproximarse á paisaxe ou territorio e, por extensión, a Galicia. Utilizaches unha palabra moi interesante: “representación”. Creo que poderiamos trazar dúas grandes posturas que se converten en tendencias e tradúcense en actitudes. Uns pensan en representar a paisaxe e outros pensamos máis nunha idea de construción (social) da paisaxe (e non me refiro a pór ladrillos). De feito, moitas tendencias contextuais foxen da palabra paisaxe e prefiren aproximarse á noción de territorio, precisamente porque o paisaxe se interpreta como un efectismo baleiro, cosmético, efectista, aparentemente apolítico e inofensivo (e, por suposto, burgués). Como para non fuxir.
Continúa a idea da Galicia mítica, mística e exótica condicionando a creación contemporánea?
A resposta é si. E non só a artística, só hai que ver calquera anuncio promocional da Xunta de Galicia para darse conta do que é a “Paisaxe Galega”.
Tratar estes temas sempre é delicado, non me parece nin ben nin mal, pero si é importante o enfoque ou a posición desde onde traballas e ser consciente diso. En realidade é moi difícil traballar desde esa idea de Galicia e ampliar a nosa perspectiva sen caer no exotismo, o pintoresco, os tópicos e os estereotipos. Penso que, se se redunda nestes temas permanentemente pensando que por iso estamos a traballar sobre ou no contexto galego, non nos damos conta da diversidade e complexidade que o contexto nos ofrece e que se está deixando de lado. Se precisamente é Galicia ou o contexto galego o que interesa, redundar sempre nos mesmos temas desde os mesmos enfoques é contraditorio. Unha especie de trampa.
Doutra banda, estableces como binomios “representar” e “construír” para contrapor a paisaxe desde unha actitude estética e contemplativa, afastada da implicación social, da paisaxe entendida como espazo permeable, en continuo diálogo co contexto. Con todo, cando traballas sobre esta última noción non deixas de estar a representar, no sentido de facer presente, unha realidade. Expós todas esas modificacións que se van adherindo ao espazo en función do seu contexto.
Binomio é un punto de partida que tamén pode crear moitas trampas. Máis que establecer binomios prefiro falar de posturas e tendencias, primeiro porque non son departamentos estancos, aínda que se pretenda. Sen esquecer que entre as dúas hai moitos grises. Enfocar a paisaxe desde unha soa dicotomía é onde creo que está a trampa. Aposto máis por enfoques que superan esa dicotomía, pero para poder analizar e visualizar o que sucede coas prácticas relativas á paisaxe tomo como partida esas dúas tendencias. Aínda que moitas veces as posturas tendan a polarizarse, que exista unha implicación social ou se traballe desde o común ou colectivo non significa que o estético desapareza ou sexa necesario situarse en contra de toda manifestación estética. A miúdo confúndese o estético co cosmético e, outras, tómase o cosmético polo estético.
Ceci nest pas une pipe, dicía Magritte. Cando máis se representa é xustamente cando se omite que un está a representar. Precisamente sucede cando un se enfronta a unha paisaxe como unha cousa “real” e represéntaa (é dicir, faina presente) coma se non houbese un código, unha linguaxe entre el e a imaxe, entre a imaxe e o espectador. Coma se esa imaxe só fose froito da relación do autor coa paisaxe, unha relación completamente autónoma, froito dun proceso natural, misterioso e experiencial mediado simplemente pola nosa elocuente sensibilidade… Aí, está a empezarse a reducir toda a experiencia paisaxeira a un efectismo, a un efectismo de autor por suposto, e se quedamos no efectismo a continuación aparece a cosmética (paisaxeira). Represéntase e faise presente unha visión orixinal e única. E coa “autoría” topamos. “Autoría” e “autoridade”, curiosamente, creo que teñen a mesma orixe.
Entender a paisaxe, a arte e a vida en xeral, desde iso que nomeei como “construción”, implica ser consciente e atender a estes procesos; afastarse do yoísmo para achegarche ao común, o colectivo e tamén o social. Desde esta postura non se teñen por que tratar exclusivamente temas socio-políticos máis ou menos relevantes. Precisamente trabállase, investígase e estúdanse as propias formas de representación. Pero o fin non é unha nova representación da paisaxe senón coñecela, sabela, facela, é dicir, producir coñecemento e producir cultura. Por suposto, úsanse estratexias ou formas de representación, pero o enfoque cambia substancialmente; o que interesa non é a pipe.
Actualmente estás a desenvolver un proxecto en BilbaoArte, non sei se xa ten un título. O proceso de investigación deste traballo comeza cunha residencia que realizaches no Colexio de España en París e trata sobre as mulleres emigrantes españolas en Francia nos anos sesenta e setenta do século pasado. Que che levou a elixir o tema?
Efectivamente, aínda non ten un título final. Nun principio o seu título provisional é Conchita et nous, é unha chiscadela a unha publicación francesa dos anos sesenta, un manual para axudar ás mulleres francesas que contrataban servizo doméstico español. Hai que aclarar que Conchita é unha forma coloquial (e algo despectiva) de referirse en Francia ao servizo doméstico, cuxo orixe está relacionado co traballo que as españolas exerceron en Francia nos anos sesenta.
Elixín este tema, como dixen ao principio, porque xa vai tocando. Despois de Galicia o segundo país co que tiven máis relación é Francia. De pequeno tiven dúas aldeas: unha en Ponteareas e a outra en París, entendendo a aldea como ese lugar onde un vai reunirse cos seus avós. Moitos dos meus familiares máis próximos emigraron a este país. Ademais, é un tema bastante esquecido e iso é algo que me resulta atractivo cando estou a investigar.
Como en More(i)ras, de novo as mulleres son protagonistas nas túas obras.
Si, están por todas partes.
Realizaches entrevistas e fotografías de varias persoas vinculadas con este proceso. Como foi o traballo de recompilación de información e en que fase do proxecto atópaste agora mesmo?
Agora mesmo estou en BilbaoArte levando a cabo a produción do proxecto, polo menos en parte (ata onde o tempo e os medios permítanme chegar). En París entrevistei a varias persoas relacionadas co estudo deste fenómeno migratorio. Tamén a persoas que dalgunha maneira foron testemuñas. Non tanto persoas que fosen protagonistas desta emigración senón aquelas que tiveron ou teñen algunha relación con este fenómeno (de aí o título Conchita et nous). Interésanme máis o relato e a imaxe que se construíu ao seu redor que o propio testemuño dos emigrantes que tamén recollín. En Euskadi tamén teño algunha entrevista pendente que espero facer en breve.
Para realizar este proxecto, en principio, parto dun lugar simbólico moi relevante na emigración española en París, ou no que podiamos chamar unha xeografía da emigración española en París nos sesenta ou setenta. Ese lugar é a chambre de bonne, esas habitacións baixo cuberta que aparecen repartidas por toda a xeografía parisiense nos edificios haussmanianos.
O teu interese sobre a construción social das cidades tamén aparece reflectido en Dispositivo Migrante, proxecto que acabas de presentar dentro do programa Xeografía, memoria e capital cívico. Aquí indagas no proceso de construción do imaxinario simbólico e iconográfico da emigración galega partindo do porto da Coruña. Fálanos máis sobre este proxecto.
Neste proxecto rastrexo a través de entrevistas e documentos un exemplo de como se crea e divulga un dos traballos máis emblemáticos da emigración galega: Os Adeuses de Alberto Martí. É dicir, indaga no proceso de construción do imaxinario iconográfico que existe sobre a emigración en Galicia. É un proxecto que convida a reflexionar ao espectador sobre a formulación do imaxinario colectivo.
De que maneira comprender a realidade civil, o noso pasado e presente, incentiva unha maior implicación cultural futura?
Non sei se incentiva ou non, pero seguro que axuda. Paréceme necesario para ser consciente de onde estamos e apostar por un modelo cultural ou outro. Non sabería definir con exactitude e de forma absoluta que é a cultura pero, usando unha metáfora, diría que a cultura é o líquido amniótico onde vivimos. Por iso hai que coidala.
É a arte un mecanismo para conectar co contexto?
Persoalmente, máis aló de ser unha actividade máis ou menos profesional, a miña actividade ou facer artístico é, simplemente, unha forma de relacionarme cos demais e aprender. Creo que é o único bo que ten a actividade artística, polo resto…
Polo resto…
Pois, como ti ben sabes, é moi difícil e complicado desenvolver calquera actividade artística. E, concretamente, a posición dos artistas é extremadamente precaria. As condicións nas que a maioría dos artistas desenvolven os seus proxectos ou actividades deixan moito que desexar. Sen mencionar a absoluta instrumentalización da figura do artista, a súa actividade, e o patrimonio que produce por parte das institucións públicas ou privadas. En fin, o de sempre, isto daría para outra entrevista.
É complicado, si, hai que pelexalo. Moitas grazas Joan!