Profesor desde 1993 da Facultade de Belas Artes, da que foi decano entre 2010 e 2015, investigador, artista e ensaísta. Lembrar a figura de Juan Carlos Meana a través de “todas as súas facetas” constituíu, como sinalou a profesora Almudena Fernández Fariña, o propósito central do acto de homenaxe que este venres reuniu na facultade a compañeiros e compañeiras, antigos alumnos e alumnas e amigos e amigas do docente e artista, falecido o pasado mes de xaneiro. A través das intervencións dos diferentes decanos e decanas, da proxeccións da súas obras, das lembranzas de compañeiros e amigos e da lectura de fragmentos de varios dos seus libros, este acto permitiu non só lembrar as diferentes facetas profesionais da traxectoria de Meana, senón tamén a súa xenerosidade, o seu sorriso, o seu sentido do humor, o a súa humanidade ou o seu respecto polo outro.
Encargada de conducir esta homenaxe, Fernández Fariña puxo o foco en que foron “moitas as persoas que amosaron o seu desexo de participar” neste acto interno da facultade, dirixido a lembrar a figura dun artista e docente, natural de Vitoria, que en 1993 iniciaba a súa etapa como profesor da facultade pontevedresa, onde ademais de decano, foi tamén o impulsor e primeiro coordinador do programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, ademais de profesor do Departamento de Pintura e membro do grupo de investigación dx7 Tracker. Laboratorio Visual.
“A súa ausencia necesaria fai que sigamos aprendendo”
A violonchelista e estudante de doutoramento Macarena Montesinos foi a encargada de abrir e pechar este acto, cun diálogo entre as súas improvisacións musicais e dúas obras en vídeo de Meana. A continuación tomaron a palabra todos os docentes que se situaron á fronte do Decanato de Belas Artes nos seus 33 anos de historia, coa excepción de Meana e do tamén falecido Joaquín Roselló. O actual decano, Xosé Manuel Buxán, abriu esta serie de intervencións lembrando o labor de Meana como “activista cultural” e algunhas das iniciativas que puxo en marcha na súa etapa como decano e coas que contribuíu á “conexión da facultade “coa cidade e coas institucións artísticas, a proxectala fóra dos limites do edificio”.
A exdecana Silvia García rememorou na súa intervención “todo o que aprendín de Juan Carlos”, incidindo en que a aprendizaxe é un proceso que se desenvolve ao longo de toda a vida. “Parafraseando un dos seus libros, creo que a súa ausencia necesaria”, título dun dos seus ensaios, “fai que sigamos aprendendo”, concluíu García. “Tendemos a crer que hai cousas que se moven só por inercia, como unha facultade, uns estudos, un programa de doutoramento… Pero se as cousas non se estancan é porque hai alguén que está empurrando, alentando, asumindo compromisos, algo que Juan Carlos facía moi discretamente e con moitísima xenerosidade”, engadiu a continuación Ignacio Barcia. Meana “era unha persoa que co simple feito de estar, facía que as cousas se activen. Penso que algo así debe ser a verdadeira sabedoría”, concluíu o seu compañeiro e amigo. “Sempre estaba sorrindo e respectando ao outro”, engadiu a continuación o exdecano Jesús Hernández.
“Crear unha sociedade mellor” desde a docencia
Compañeiro de facultade, tras ser previamente profesor de Meana no País Vasco, José Chavete lembrou na súa intervención unha frase que o homenaxeado lle trasladou en 1997, no marco dunha exposición, a de que “os heroes xa non existen”. Unha frase que, explicou, rememorou tras o seu pasamento “porque creo que el tiña clarísimo que os auténticos heroes actuais son aquelas persoas que fan a súa vida para traballar par os demais”, como fixo Meana contribuíndo como docente “a crear xente con criterio para facer unha sociedade mellor”. Esta rolda de intervencións pechouse coa carta que lle dedicou o primeiro decano da facultade, Juan Fernando de Laiglesia, que pechou lembrando unha frase do seu libro La ausencia necesaria, “o sentido dos espazos preséntasenos nunha vertixe aberta ao baleiro”.
Ás intervencións dos decanos sumáronse posteriormente as verbas do que fora o seu compañeiro de estudos, tanto na Universidade do País Vasco, como na Escola de Belas Artes de París, Gorka Otsoa, quen afondou na amizade que mantiña con Meana desde a súa época de estudante, na que era xa “un tipo reflexivo, intelixente e sereno”. Tamén amigo do homenaxeado, ademais de filósofo e crítico de arte, Ignacio Castro puxo de relevo que “Juan Carlos chamaba a atención polo enorme calor humano que transmitía”, á vez que polo “o seu gran sentido do humor, que proviña da súa enorme humanidade”. Finlamente o profesor Alberto Ruiz de Samaniego rememorou os moitos anos nos que compartiu docencia con Meana, nos seus inicios na facultade. “Aprendín moito del”, recoñeceu este docente, que lembrou como ese traballo conxunto mellorou “cando eu comecei a dicir nas clases as cousas que Juan Carlos podería ter dito e el as que podería dicir eu”.
A esta rolda de intervencións sumouse a lectura que os exalumnos Gonzalo Rey, Román Corbato, Thomas Apostolou, Elena Bangueses e Fran Miguéns, ao igual que Ana Suárez, en representación do PAS, realizaron de fragmentos dos seus libros, artigos ou textos para catálogos. A estas lecturas sumáronse tamén, a través do vídeo, a catedrática da Universidade de Granada Asunción Lozano e a artista e exalumna Irma Álvarez-Laviada, contribuíndo a articular “unha sorte de colaxe do seu pensamento”, como sinalou Fernández Fariña. Tamén a través do vídeo, o acto completouse coas mensaxes “enviadas por compañeiros doutras facultades e amigos”, como Pedro Osakar, Elías Pérez, Josu Rekalde, Txaro Arrazola, Sonia Rueda e Amine Asselman.