Desde as ideas descartadas e os primeiros bocexos á formalización dun proxecto para unha materia, para o traballo de fin de grao (TFG) ou para concorrer a premios ou certames. Dez antigas e antigos alumnos da Facultade de Belas Artes comparten este luns co estudantado actual as súas experiencias nas diferentes fases de desenvolvemento dun proxecto artístico, na terceira edición dunha xornada organizada polo Departamento de Pintura. Coordinada polo investigador Carlos Fernández, Percorrido dun proxecto reúne cada ano o estudantado que o pasado curso superou a materia Proxectos de Debuxo e Pintura, do último curso do grao, con aqueles e aquelas que a inician nestas semanas.
Aberta tanto ao alumnado da facultade como a público en xeral, esta actividade permite que o estudantado que nos próximos meses terá que enfrontarse tanto ao desenvolvemento dun proxecto para esta materia como á realización dos seus TFG poida ver “como outras comezaron con ideas moi vagas ou bosquexos nun caderno”, lembra Fernández. Ao mesmo tempo, coñecerán tamén como “todas esas ideas ao final concretáronse en proxectos moi sólidos, moi ricos, despois de moitas horas de dedicación”, engade. A través dunha serie de presentacións, este grupo de antigas alumnos e alumnas aborda tanto os proxectos que desenvolveron e nos que continúan traballando como “as ideas que descartaron, como se formulou todo, cales foron os erros e acertos, como evolucionaron cara outras ideas…”, do mesmo xeito que comparten tamén as súas “motivacións, referentes e os aspectos formais e discursivos implícitos nas súas propostas”.
Víctor Chamorro, Mencía González, Goa Vázquez, Candela Eira, Ainoa Simonns, Daniela García-Caño, Abril Iglesias, Celia Vilariño, Isabela Ferreiro e Isis Huerga son as dez protagonistas dunha actividade que se estende ao longo de toda a xornada. Cada unha delas presenta nas súas intervencións proxectos, “moi diversos”, tanto desde o punto de vista técnico como temático, para logo compartir debate co alumnado.