Na exposición preséntase dez traballos de estudantes de diferentes facultades.
Durante décadas, as gravacións en vídeo realizadas por afeccionados e afeccionadas, xeralmente ligadas ao ámbito familiar, caracterizábanse por uns sinais de identidade que os distanciaban dos traballos profesionais e que conformaron o concepto do vídeo doméstico. Aqueles elementos definitorios dun audiovisual á marxe da industria foron tamén empregados durante décadas na creación artística. Coñecer como evolucionou a chamada ‘video arte doméstica’ tras a irrupción da imaxe dixital constitúe un dos obxectivos de Hecho en casa, unha exposición que reúne no Centro de Arte y Cultura Contemporánea Conde Duque de Madrid 21 traballos de vídeo arte realizados nos últimos dez anos. Comisariada polo artista e docente Carlos Triguero Mori, trátase dunha mostra articulada en dúas fases, unha primeira dedicada a artistas nacidos nun “mundo analóxico”, como sinalan desde a organización, e unha segunda dedicada “nativos dixitais”, para a que foron seleccionadas dúas pezas xurdidas como traballos académicos na Facultade de Belas, realizadas pola alumna Ana Santamaría e pola xa egresada Patricia Mon.
Coordinadora do Laboratorio de Audiovisuais desta facultade, Sol Alonso explica que para esta segunda fase, que poderá visitarse do 19 de outubro ao 19 de novembro, foron escollidas dez obras de artistas formados nos últimos anos en diferentes facultades españolas, “a maioría deles e delas cunha obra desenvolvida tras a crise da covid-19”. Alonso foi a responsable de realizar unha primeira escolma de obras de entre os traballos realizados durante os dous últimos cursos na materia Produción Artística: Audiovisuais, que serviu como punto de partida para a escolla final de Trigueros. Esta selección, engade Alonso, tomaba como punto de partida aqueles traballos nos que o alumnado exploraba unha “serie de prácticas baseadas nos modos de facer cine non profesional”. Nese senso, a docente incide en que un dos propósitos desta exposición era precisamente tratar de responder á pregunta de “se segue existindo un tipo de obra que poida seguir denominándose como vídeo arte doméstica, a raíz do cambio tecnolóxico ao dixital”, entendendo esta non como unha práctica centrada no rexistro dos acontecementos cotiás, senón como unha creación que fai uso dunha estética e linguaxe “baseada na subversión dos códigos establecidos propio dos traballos de afeccionado”.
As obras seleccionadas
Patricia Mon recibiu con sorpresa e “moita ilusión” que o seu traballo fose un dos seleccionados. “É unha oportunidade para coñecer outros proxectos e ampliar un pouco a nosa visión como novos artistas”, destaca esta egresada, que presentará en Madrid Los grillos, unha peza na que combina o vídeo analóxico e o dixital, “a través dunha linguaxe de formas abstractas, plásticas e de texturas non identificadas”. O vídeo «retrataba un contexto persoal tras a corentena”, explica desta “peza nocturna de vídeo arte”, que “percorre visualmente unha conversa nocturna a través de luces e espazos vistos dende o meu balcón, mentres que se escoita un monólogo improvisado”.
Por outra banda, Ana Santamaría participará nesta mostra con Hogar, unha peza que, como lembra Alonso, “parte das máis claras tendencias que se asimilan coas novas xeracións”, como “unha experimentación baseada na profusión da dixitalización da imaxe, multitude de capas de retoque ou un tratamento próximo ao espectáculo da imaxe dos videoclips”, pero que ao mesmo tempo “loita por conservar unha identidade”.
Presentación dunha rede universitaria
A exposición Hecho en casa. Vídeo Arte Doméstico actual en España servirá así mesmo como marco para a presentación, o 2 de novembro, da Rede Universitaria Audiovisual (RUA Audiovisual), unha iniciativa impulsada por Trigueros Mori, profesor da Universidad de Salamanca, na que participan facultades de Belas Artes de toda España. O seu propósito, explica Sol Alonso, a súa coordinadora na UVigo, é xerar “un amplo repositorio de consulta e difusión de traballos seleccionados do alumnado”, co obxectivo de “ampliar as oportunidades de exhibición” das dúas obras, así como de promover a colaboración entre facultades.