‘Do final e do comezo’ detense nos procesos creativos da formación en Belas Artes

O Pazo da Cultura acolleu a inauguración de 'Do final e do comezo'

Xunto a obras nacidas como TFG, exhíbense algúns dos materiais empregados ou desbotados

Ademais de ser o proxecto académico que pon final a anos de formación, os traballos de fin de grao (TFG) que se desenvolven na Facultade de Belas Artes caracterízanse tamén por ser o resultado de procesos de investigación e experimentación que dan lugar a obras nas que o alumnado proxecta os seus intereses e inquedanzas. Deterse no propio proceso creativo previo á obra final é neste 2022 un dos obxectivos de Do final e do comezo, a exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha selección de obras nacidas como TFG dos novos graduados e graduadas en Belas Artes.

Promovida pola facultade e o Concello de Pontevedra, a mostra presenta 26 proxectos artísticos desenvolvidos pola última promoción de titulados e tituladas e busca trazar “unha panorámica dos intereses, tanto temáticos como técnicos, do alumnado e de todas as disciplinas coas que traballan”, como salienta a súa comisaria, a artista e docente Basilisa Fiestras. Coa idea de achegar o espectador aos procesos de desenvolvemento das obras, a exposición complétase cun espazo denominado «laboratorio creativo», no que se presentan unha escolma de materiais empregados ou pezas desbotadas polos egresados e egresadas. A mostra complétase á súa vez con dous cadros, cedidos pola facultade, da artista Berta Cáccamo, falecida en 2018, que poñen énfase nesa idea «da importancia que ten o proceso na creación», como sinala Fiestras, á vez que permiten render homenaxe a unha pintora que exerceu durante máis de 15 anos como profesora asociada na facultade.

Ata o 30 de outubro poderá visitarse no Pazo da Cultura unha exposición que na tarde deste xoves foi inaugurada polo decano, Xosé Manuel Buxán, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces. Neste acto, Buxán definiu a exposición como “un chanzo máis nun final de curso apoteótico” para unha promoción que dentro dunhas semanas será tamén protagonista da exposición resultado do proxecto Future Stories. Como adiantou o decano, no mes de outubro inaugurarase no Marco de Vigo a exposición resultado deste proxecto, ao que a promotora da exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, Marta Ortega Pérez, acordou destinar os ingresos xerados por esta exposición a través da venda de merchandising ao desenvolvemento dos proxectos artísticos de dez titulados e tituladas, seleccionados a partir dos seus TFG. Fouces, pola súa banda, reivindicou á importancia desta exposición tanto para a facultade como para “unha cidade creativa” como Pontevedra.

Diversidade de intereses e disciplinas

Coa participación, xunto con Fiestras, das tamén egresadas da facultade Alexandra R. Rey e María Gar na coordinación técnica, a exposición permite achegarse ás diferentes temáticas que o alumnado abordou nos seus traballos, e nos que son “unha constante” cuestións como a memoria individual e colectiva, o paso do tempo, a identidade, a paisaxe intervida, o azar, o cotiá, a representación…”, explica Fiestras. Do mesmo xeito, a selección realizada para exposición, na que conviven “traballos máis conceptuais con outros máis de experimentación cos materiais”, buscou tamén que estivesen representadas as múltiples disciplinas e prácticas artistas que o alumnado aborda ao longo da súa etapa na facultade. “Hai escultura, cerámica, ilustración, fotografía, vídeo, libros de artista, instalacións…”, sinala a comisaria. De feito, os graduados e graduadas participaron na propia montaxe das súas pezas no Pazo da Cultura, o que en ocasións obrigou a adaptar as súas propostas orixinais, como foi o caso de artistas que traballaron coa performance, como Xoel López ou Andrea Mosquera, que desenvolveu tras a inauguración unha acción titulada Mesmo son, distinto lugar.

Do resultado ao proceso

“A de Belas Artes é unha carreira moi práctica, na que estamos catro anos inventando, buscando materiais e experiencias e moitas veces utilizando o erro como unha posibilidade estética. Ao final, toda esa bagaxe de experimentación é fundamental e parecíanos moi interesante levar á mostra ferramentas e elementos que acompañaron estes anos de investigación”, salienta Fiestras. Con esa idea, a exposición complétase cun espazo no que poden observarse placas de serigrafía, negativos fotográficos, obxectos empregados no proceso ou pezas desbotadas polos artistas.

A ilusión do reencontro no camiño

“Ao acabar a carreira, cada un vai polo seu camiño e ter este lugar de reencontro con compañeiros cos que levas catro anos traballando fai moita ilusión”, salienta Raquel Álvarez, unha das estudantes seleccionadas para esta exposición por un TFG centrado na idea do refuxio. Mais no seu caso faino con “fragmentos” do traballo final e “algunhas pezas que formaron parte do proceso de creación”, xa que o seu proxecto foi un dos seleccionados na convocatoria de Future Stories. Tamén incide na ilusión de compartir cos compañeiros e compañeiras a súa “primeira exposición” Anxo Valdés, que centrou o seu TFG na idea do “trauma” e buscou dar visibilidade “a problemáticas relacionadas coa saúde mental que parécenme importantes e que quizais non se tratan moito”. Fíxoo a través dunha serie de catros que retratan “historias de amigos en momentos moi concretos da súas vidas, da forma máis poética que puiden”. A estética dos campos de refuxiados ou dos campamentos de chabolas constitúe, por outra banda, o punto de partida do proxecto Lucía Perdiz. “É unha honra poder expor o teu traballo nun espazo tan digno”, que creou as súas obras con diferentes elementos que se empregan normalmente para este tipo de construcións precarias”.

Xunto a eles, Do final e do comezo presenta tamén as creacións de Ailén Anahí Alcoba, Abraham Alonso, Alba Caballero, Uxía Fernández, Carla Gasparrini, Uxía González, Sandra Gutiérrez, Rubén Mascato, Blanca Orro, Iris Rodríguez, Carmen Suárez, Andrea Vázquez, Lorena Vázquez, María Pereira, Marta Regojo, María Concepción Garrido, Manuel Rial, Ángeles Fernández, Mae Pérez, Miguel Teixeira e Tamara Goberna.