CURSO CINE (créditos ECTS para estudantes UVigo)

NO CAMIÑO. PELÍCULAS DE ESTRADA, VIEIROS E HORIZONTES

Datas: 5 outubro 2023 – 30 maio 2024
Horario: xoves de 19.15 a 20.45
Lugar: salón de actos do MARCO de Vigo

Total sesións: 23 Docente: José Manuel López Prezo: 190€ (desconto 20% membros AAM e para estudantes, previa acreditación).

AVISO estudantes UVigo: aprobada obtención 1,2 créditos ECTS por asistencia para alumnado da UVigo, cun 50% de desconto no prezo de matrícula.

Este curso propón unha exploración de diversas paisaxes fílmicas a través do desprazamento dos corpos e da viaxe, tanto física como simbólica –se é que pode establecerse esa distinción. Dende o apoxeo do clasicismo nos anos trinta do século pasado ata os nosos días, ao longo de case cen anos de historia do cinema, e de filmes de moi diversos xéneros e países, buscaremos o horizonte por camiños e estradas, como tantos personaxes da historia do cinema –e da historia en xeral– fixeron antes. É, por suposto, a viaxe do heroe ou da heroína que alimenta os relatos da humanidade dende que sentamos por primeira vez ao redor dunha cacharela. É o impulso de partir en busca dun alí no que quizais agarde a marabilla. Porque, como di Dorothy, “se camiñamos o suficiente, algunha vez chegaremos a algunha parte”, e quizais non sexa o marabilloso mundo de Oz o que espere máis alá do arco da vella, pero sempre poderemos dicir iso tan recorrido de “Toto… creo que xa non estamos en Kansas” (ou en Cangas, que para o caso é o mesmo).

Máis información e inscrición aquí