Achegarse á realidade dunha disciplina artística efémera e facelo a través de “relatos en primeira persoa”, das reflexións dalgúns dos artistas máis destacados do panorama da performance en España. Esa é a idea do ciclo de conversas centradas na arte de acción que promove o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e que o luns 10 de outubro levou á sede da Vicerreitoría do campus “a dous históricos da performance no estado español a partir da década de 1990”, Nieves Correa e Joan Casellas. Este coloquio busca afondar na evolución desta disciplina nas últimas décadas a través das preguntas que Tejo irá trasladando aos dous participantes e coas que buscará tanto coñecer as súas vivencias como artistas como a súa experiencia como directores de “importantes festivais” centrados nesta disciplina.
Conversas arredor da performance (III) insírese nun ciclo de coloquios inaugurado en 2018 coa participación da Premio Nacional de Artes Plásticas Esther Ferrrer e a Premio Nacional de Artes Visuais Concha Jérez. Tras o parón ao que obrigou a pandemia, esta actividade celebrou o pasado ano a súa segunda edición, con dúas figuras destacadas da performance en Galicia, Ana Gesto e Félix Fernández, para continuar agora cunha conversa con “dous artistas indiscutibles para repasar a performance en España”, como apunta o responsable desta iniciativa. Nese senso, Tejo lembra o “protagonismo importante” que tanto Casellas como Correa tiñan na exposición colectiva Acción. Una historia provisional de los 90, coa que o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba) repasaba a traxectoria desta arte en España. Titulada en Historia da Arte pola Universidad Complutense de Madrid, Correa é unha artista interdisciplinar iniciou a súa traxectoria na performance na década de 1980 e desde entón ten desenvolvido accións en eventos e institucións culturais de múltiples países, desde o Museo Reina Sofía de Madrid ao Instituto Cervantes de Berlín. Formado na atmosfera da arte conceptual catalá da década de 1970, Casellas protagonizou tamén accións e instalacións nunha decena de países ao longo dos anos. Licenciado en Belas Artes pola Universitat de Barcelona, na súa traxectoria destaca tamén o labor que desenvolveu como fotógrafo documentalista especializado na arte de acción.
Da acción á xestión da acción
Ademais da súa traxectoria como artistas e das propias achegas de Casellas e Correa á “reflexión teórica da acción”, unha das facetas nas que Tejo busca pór o foco nesta conversa é na experiencia que ambos acumulan na dirección de festivais de performance. Nese senso, un dos eixos da conversa é a traxectoria de Casellas como impulsor do festival La Muga Caula, en Girona, e a de Correa como responsable de Acción!MAD, en Madrid, “dous festivais moi importantes, cunha proxección internacional”. “Paréceme unha cuestión moi relevante, porque a performance era unha disciplina que prefería a xestión libre, fóra das institucións da arte”, salienta Tejo, que pon o foco en que, a diferencia doutras disciplinas, nas que é máis habitual a figura dun “comisariado experto”, na arte de acción era habitual que os propios artistas xestionasen “importantes festivais”. Na actualidade, recoñece, “as cousas están cambiando moito e a performance non só entrou no museo dunha maneira case natural, senón que xa se propoñen comisariados por parte de críticos de arte”, máis isto non era o que acontecía, lembra, na década de 1990, “na que eran moito máis frecuentes os comsariados independentes dos propios artistas”.
Deste xeito, o ciclo busca contribuír, a través “un relato en primeira persoa, no que non hai filtros, a darlle visibilidade” a esta disciplina artística, sumándose a iniciativas como o congreso internacional Fugas e Interferencias, que Tejo dirixe xunto coa investigadora Marta Pol e que o pasado mes de setembro desenvolvía a súa sétima edición en Pontevedra e Santiago.