Conferencia de María Marco sobre arte e maxia

Mércores 12 ás 17h na aula 16 da Facultade de BBAA

Is Art a kind of Magic? (It ìs-a-kind-of-magic!)

Arte e maxia como disciplinas humanistas, libres, empíricas, marxinais, políticas, antropolóxicas, empoderadas, feministas, volitivas e transformadoras. Orixes, converxencias e algún feitizo.

Sinopse

Vivimos nunha nova fase histórica do pensamento máxico. Un neo-neolítico. Os adiviños contemporáneos len patróns nos datos coma se fosen as vísceras de animais sacrificados. Rituais, zodíacos, tarots, astroloxías tinguen as prácticas artísticas contemporáneas evocando un gran interese pola mística e a espiritualidade. A incerteza polo futuro e a resaca post pandemia agudizan o interese polas prácticas adiviñatorias e máxicas.

Partindo do meu ensaio Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea que foi a obra gañadora do II Premio CGAC de Investigación e Ensaio en Arte Contemporánea, María Marco percorrerá cronoloxicamente certos momentos históricos en que a maxia e a arte conflúen e confúndense, como nas súas orixes no neolítico, cando a sublimación de obxectos para os rituais de caza deriva en arte. Tamén falará da influencia da maxia no nacemento da pintura abstracta con Hilma Af Klimt ou Emma Kuntz ou como o espiritismo do s. XIX foi a primeira práctica performativa documentada que supuxo unha ruptura epistemolóxica co xénero ou a raza, converténdose nunha verdadeira revolución molecular, seguindo a Guattari, e derivando en práctica feminista e política disruptiva. Falará de Guido Boggiani, Leonora Carrington, Jacques Derrida, Chiara Fumai, Gianni Motti, Mariña Abramovic, movemento W.I.T.C.H, Carla Andrade, María Loboda ou Maya Deren, até chegar ao tecnochamanismo ou as súas influencias nas novas tecnoloxías e videoxogos.

María Marco (Vigo, 1979)

Escritora, crítica de arte e comisaria. En 2021 recibe o XXXVII Premio Xerais de Novela con Coidadora, en 2019 recibe o Premio CGAC (Centro Galego de Arte contemporánea de Santiago de Compostela) de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea con Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea. Escribe sobre arte desde 2011 en diferentes medios como El Cultural (antes El Mundo, agora El Español) ou a revista Tempos Novos. Crea e dirixe a revista online Plétora. especializada en arte emerxente (2011-2016). É doutora cum laude coa tese O retorno á textualidade na práctica artística contemporánea. A escritura como produción de subxectividade e espazo de intersección (2006-2015) pola Universidade de Vigo, licenciada en Humanidades por Universidade de Navarra, Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e premio de comisariado da súa promoción de Máster. Bolseira da revista DARDOmagazine (2011-2012) titorizada por David Barro. Premio comisariado 2016 (sic) Zona C-Convocatoria de Apoio á Creación en artes visuais. Bolsa Universidade de Barcelona de estudante de intercambio en MASSART (Masachussetts College of Art and Design) Boston (2006) EUA, entre outras bolsas en Passau (Alemaña), e Santiago de Compostela. Colaborou como comisaria e xestora cultural en diversas institucións como Fundación Serralves (Porto, 2009 e 2010), Laboral (Xixón, 2010), Concello de Santiago (2012), Concello de Vigo (2014) ou Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela, 2011, 2021-2022). Profesora convidada do Máster de Creación Artística da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo (2020, 2019, 2018).