A mostra pode verse no museo de Marín e en soportes publicitarios
Reivindicar o papel das mulleres artistas e visualizar a loita contra a violencia de xénero e a necesidade do feminismo na sociedade actual. Estes son os puntais sobre os que se sustenta Compartir é vivir, unha exposición que, como informou o Concello de Marín, “reivindica o espazo feminino na arte” e que ten como comisarias á catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz e á artista Celeste Garrido. Composta por quince obras de artistas de seis países, ás que se suma a adaptación dunha das obras do colectivo Guerrilla Girls, a exposición inaugurouse na noite deste mércores no Museo Manuel Torres desta localidade, onde poderá verse ata o 26 de novembro. Mais, de xeito paralelo, as 15 obras reunidas nesta mostra exhíbense tamén nunha serie de soportes publicitarios emprazados en diferentes puntos de Marín.
O acto de inauguración desta mostra, no que participou a alcaldesa, María Ramallo, completouse coa lectura por parte de Garrido do manifesto da Colectiva Portal de Igualdad, unha entidade que naceu co obxectivo de reclamar unha maior representación das artistas nas programacións dos espazos museísticos e nas áreas de xestión artística. Deste colectivo forman parte, de feito, varias das artistas seleccionadas por Herranz e Garrido para unha mostra na que se presentan obras de 14 mulleres e un home. Concretamente, en Compartir é vivir poden verse as creacións de artistas españolas como Mau Monleón, impulsora do Portal de Igualdad, Nela, Alissia e Samuel Gallastegui, así como obras das dúas comisarias e da tamén profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas.
Así mesmo, forman parte da exposición pezas da guatemalteca Regina José Galindo; das artistas brasileiras Beth Moysés, Bia Santos e Lilian Amaral; das mexicanas Elina Chauvet e Lorena Wolfer, e da colombiana Patricia Glauser. A estas obras súmase á súa vez a peza ¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?’, unha adaptación ao castelán da “peza máis emblemática”, como lembra o Concello de Marín, das Guerrilla Girls, un colectivo anónimo de artistas xurdido en 1985 nos Estados Unidos e que denunciaba con esta peza que as únicas mulleres representadas por aquel entón no Museo Metropolitano de Nova York “eran as retratadas espidas por homes”.
Segundo informaron as súas comisarias, a exposición que pode verse nestas semanas en Marín constitúe “o principio dunha serie de itinerancias” do proxecto, que conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. De feito, xa se concretou que a seguinte parada desta mostra colectiva será o Museo de Arte Contemporáneo de Villafamés, en Castellón.