Pezas que parten do traballo coa cerámica ou cos tapices, pero que remiten directamente a procesos pictóricos. Esa é a idea que reflicten as obras do artista e profesor da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo que se reúnen en El Sueño de Ícaro, a exposición que ata o 8 de xullo pode visitarse en SVT Espacio de Arte, en Vigo. Comisariada por Ángel Cerviño, trátase dunha mostra que reúne tres series de pezas “moi escultóricas, pero que nos remiten a procesos pictóricos, a pintura que sobrepasa o lenzo”, recoñece o artista e investigador.
“Aínda que sexan esculturas, están falando de pintura”, engade Covelo das series que presenta nesta exposición, que teñen como punto de partida principal o traballo coa cerámica. Como explica o artista e investigador, un texto da crítica de arte Rosalind Krauss sobre a “escultura no campo expandido, no que falaba dunha tendencia na que as fronteiras entre as diferentes disciplinas artísticas se desdebuxaban” serviulle, anos atrás, como fonte de inspiración para unha liña de traballo baseada “na idea de heteroxeneidade, na multiplicidade de elementos e significados”.
Nos últimos anos, Covelo afondou nesta idea nuns procesos de traballo baseados na exploración coa cerámica do que xurdiron as tres series que poden verse nesta exposición. En todos os casos, explica, trátase de obras sen título que Cerviño agrupou baixo o nome de El Sueño de Ícaro, título que, recoñece, ofrece “moitas lecturas”, das que o artista destaca a conexión entre unhas obras que se mostran como unhas “manchas pictóricas” que achegan unha sensación de “ingravidez”, co momento no que o personaxe mitolóxico atópase “demasiado próximo ao sol e comeza a derreterse”.
Da pintura que invade o espazo á experimentación co téxtil
Conformadas por obras realizadas entre 2019 e o presente ano, na exposición reúnense unha serie desenvolvida coas axudas á creación da VEGAP (Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos), xunto con obras elaboradas especificamente para este proxecto, como uns lenzos superpostos sobre ladrillos feitos con cerámica ou o tapiz que pode verse no escaparate do espazo que, como recoñece, parte tamén desa mesma idea da “pintura expandida”, facendo neste caso uso dos fíos como material pictórico. Trátase, recoñece, da primeira obra que acometía con elementos téxtiles unicamente, “o que resultou moi interesante”, xa que permitía que a exposición fose máis aló da idea de “cando a pintura invade o espazo”, para pór o foco tamén en “cando unha obra ten presenza pictórica”, a pesar da ausencia destes materiais.