Promover unha reflexión sobre as “novas derivas” da arte gráfica e sobre a reformulación dos seus procesos formais, técnicos e conceptuais cara unha “arte múltiple máis complexa e expansiva, que se instala no espazo”. Ese é o obxectivo dunha convocatoria impulsada polo grupo de investigación dx5 (Digital & graphic art research) e aberta tanto á participación de estudantes de Belas Artes e de estudos artísticos superiores de toda España, como de titulados e tituladas de 2014 en diante. O seu obxectivo é seleccionar as obras que formarán parte de Germinal, a exposición que o grupo dx5, en colaboración coa facultade, promoverá en maio na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes.
Ata o vindeiro martes 12 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de proxectos a unha convocatoria dirixida a obras múltiples ou seriadas, instalacións e outra serie de intervencións “en cuxa esencia se mostre a multiplicidade”. Deste xeito, Germinal buscará abordar a incidencia da formación artística actual no desenvolvemento de proxectos de arte múltiple, que achegan novas perspectivas a “conceptos fundacionais” da arte gráfica, como a idea de matriz e pegada ou os “procesos de repetición e transformación”, como sinalan desde o grupo de investigación. Dos proxectos presentados seleccionaranse entre catro e seis para unha exposición que se insire no proxecto O múltiple que ocupa o espazo, que o grupo desenvolverá coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Xunta de Galicia, no marco das axudas a grupos de referencia competitiva, e cuxa programación presentarase proximamente.
As obras seleccionadas exhibiranse a partir do 8 de maio na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que o vindeiro xoves 14 de marzo inaugura nova exposición, The making of a painting / Facer unha pintura, na que se presentan os resultados do traballo desenvolvido polo artista inglés Simon Callery coa colaboración dun grupo de estudantes de Belas Artes.