Belas Artes acolle unha reflexión en primeira persoa sobre a evolución e o presente da arte de acción

A cuarta edición de 'Conversas arredor da performance' desenvolverase este xoves 28

Promover unha reflexión sobre as características e evolución dunha disciplina artística de carácter efémero como é a performance, a través da visión de diferentes artistas de referencia é o obxectivo do ciclo Conversas arredor da performance, que este xoves 28, ás 18.00 horas, celebrará a súa cuarta edición na Facultade de Belas Artes. Promovido polo profesor Carlos Tejo, este coloquio terá como protagonistas a artista e actriz María Roja e ao artista e dramaturgo Félix Fernández Peláez, aos que coordinador desta actividade irá trasladando unha serie de preguntas coas que coñecer tanto a súa traxectoria e vivencias no traballo con esta disciplina, como a súa visión da práctica da performance a día de hoxe e da situación na que se atopa no contexto galego. Con prazas limitadas, trátase dunha actividade que require de inscrición previa, a través do correo carlos.tejo@uvigo.es.

Dirixido a promover un achegamento a esta disciplina a través das e dos seus protagonistas, Conversas arredor da performance arrancou en 2018 cun coloquio coa Premio Nacional de Artes Plásticas Esther Ferrer e a Premio Nacional de Artes Visuais Concha Jérez. Tras o parón ao que obrigou a pandemia, o ciclo retornou en 2021 con dúas figuras de referencia da performance feita en Galicia, Ana Gesto e Félix Fernández, para acoller o pasado ano dous artistas cunha ampla traxectoria, tanto como artistas como na organización de eventos centrados na performance, Nieves Correa e Joan Casellas. Na súa cuarta edición, unha das protagonistas será a licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada superior en Arte Dramática pola ESAD María Roja, que conta cunha traxectoria de preto de dúas décadas no eido da performance, que compaxinou coa súa faceta de actriz, pol que foi recoñecida en dúas ocasións co premio María Casares á mellor actriz secundaria. Tamén cunha ampla traxectoria teatral, o outro protagonista desta conversa será Julio Fernández Peláez, titulado en Dirección e Dramaturxia pola ESAD e doutor en Estudos Literarios, Lingüísticos e Teatrais pola Universidad de Alcalá. Autor de pezas de teatro, novela e poesía, Fernández Peláez compaxina desde a década de 1990 a súa actividades artística e plástica coa creación escénica e a dramaturxia e foi director no Museo Verbum do festival Poéticas para unha vida, dedicado á arte e poesía de acción, así como responsable da revista escénica e performativa Núa.