A finais de 2023, a artista e egresada da facultade Lúa Gándara impartía en Belas Artes un obradoiro dirixido a que o alumnado puidese experimentar, tanto coa cor como co seu propio trazo e xestualidade á hora de pintar, a través da realización dunha serie de pinturas abstractas. Financiado polo Departamento de Pintura, este taller deu como resultado un conxunto de obras, realizadas sobre papeis de grandes dimensións, que desde a tarde deste luns enchen as paredes da sala O Abrigo, o espazo que ocupaba a antiga cafetaría da facultade, reconvertido nun lugar para a organización de mostras e actividades. Comisariada por Gándara, nesta mostra preséntanse as creacións dos once alumnos e alumnas participantes nun taller que, como explica, buscaba afondar “noutras maneiras de achegarnos á pintura”. Baixo o título de Reunións de cans no parque, a mostra presenta nese senso unha serie de obras “nas que hai unha parte certamente moi experimental”, resultado dun proceso no que as e os estudantes tiveron que “traballar de maneira improvisada, deixando que as formas fosen xerando unha composición case que automaticamente”, pero que ao mesmo tempo son tamén creacións “cunha intención compositiva”, como sinala o vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre.
Ao igual que o obradoiro, esta exposición toma seu nome dunha obra de Gándara, que, como sinala Pérez-Jofre, coordinador da mostra, permite transmitir ideas como “a vitalidade, a sociabilidade, a interacción” ou a necesidade de “sacar á luz, cando pintamos, eses elementos intuitivos, que non son puramente racionais”. Ideas que, como lembra, formaron parte do proceso de traballo dun obradoiro no que Gándara, engade, buscou “afastarse do típico exercicio” e achegarse á pintura a través do xogo, a experimentación ou mesmo “dalgún exercicio performativo, para traballar máis desde o corpo e non só desde a cabeza”. Posteriormente, engade, o proceso completábase cunha análise colectiva “do que íamos facendo”, nun taller que, como sinala Pérez-Jofre, permitiu tamén a interacción destes once alumnos e alumnas do Grao en Belas Artes cunha artista profesional, “que lles podía transmitir a súa experiencia e formas de traballar”.
Inaugurada na tarde deste luns, Reunión de cans no parque presenta os traballos de Xulia Arias, Isis Huerga, Río Marbán, Iago Rodríguez, Cristina Rus, Lorena Sánchez, Irene Santamaría, Ainoa Simons, Yanina Sgro, Miguel Teixeira e Pablo Yuste e poderá verse ata o venres 16 de maio. Nesta xornada de peche, O Abrigo acollerá ademais unha actuación musical de Gustavo Costa, programado para as 19.00 horas e enmarcada nun pequeno ciclo de concertos promovido polo Liceo Mutante.