Oito artistas de diferentes xeracións, que teñen como nexo de unión a Facultade de Belas Artes, exploran, desde unha variedade de perspectivas e disciplinas, a relación entre o corpo e o espazo na exposición Puedo reconocer el entramado de los hilos, que ata o 26 de maio pode visitarse no local da asociación Kentada. Comisariada pola estudante Isis Huerga como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, a mostra reúne as creacións de sete alumnas e exalumnas da facultade Abril Iglesias, Ainoa Simons, Raquel Álvarez, Marina Aradas, Verónica Vicente, Nerea Gundín e Celia Vilariño, xunto ás da docente Chelo Matesanz. Con traballos que abranguen da pintura ou o vídeo ata a performance, as artistas “empregan unha variedade de medios e técnicas para ofrecer as súas interpretacións sobre este tema”, sinala Huertas dunha mostra que afonda en conceptos como a experiencia, a identidade, a pertenza ou a intimidade.
Inaugurada o pasado xoves no local desta asociación impulsada por egresados da facultade, a exposición toma o seu nome dunha cita do filósofo Arthur Schopenhauer, co obxectivo de trazar unha metáfora que reflicta “a complexidade e a interconexión da experiencia humana, suxerindo que cada obra de arte é un fío nun tapiz que ofrece unha ventá a unha comprensión máis profunda de nós mesmos e do mundo que habitamos”, como sinala a súa comisaria.