Arte en contra de la violencia especista (España, 2000-2019), tese de Andrea Torres

Detalle da instalación cerámica de Andrea Torres 'El grito de la gallina de Camus'

A arte reflicte un compromiso cada vez maior na denuncia da violencia “invisible” contra os animais.

“Cada día aumenta o número de creadoras e creadores que prestan atención, desde a súa plástica, á defensa animal”, subliña a artista e investigadora Andrea Domínguez, que centrou a súa tese de doutoramento en coñecer a posición da arte contemporánea española diante dunha das “violencias máis invisibles e sistemáticas”, a exercida sobre os animais. A través da análise de preto de 170 obras realizadas nas últimas dúas décadas, a xa doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo puido concluír que, na arte actual, “en especial na producida na última década, xorde de forma cada vez máis manifesta un compromiso pola denuncia desta violencia”.

Dirixida pola profesora Sol Alonso, Arte en contra de la violencia especista (España, 2000-2019) é o título da tese na que Domínguez Torres afonda nas “distintas estratexias seguidas polos artistas na defensa animal” e na visualización dunha das formas de violencia “máis estendidas e normalizadas, a especista”, unha violencia “invisible e anónima”, que ten como punto de partida “deixar fóra de consideración moral a todo animal que non sexa humano”. Esta, explica, abrangue desde a “violencia directa e física, como pode ser a realizada nos matadoiros”, á espacial, “co encerro dos animais”, pasando pola “violencia discursiva”, ou mesmo “a violencia especista sexual”. Partindo deste marco, a análise dos tipos de violencia contra os animais que están presentes na propia arte contemporánea e a distorsión da súa figura nos debuxos animados e na literatura infantil formaron tamén parte da investigación pioneira de Domínguez. “Atopamos teses que si falan de animais na arte, pero nunca enfocadas desde a defensa ética”, recoñece a autora dunha investigación coa que busca contribuír tamén, subliña, a “romper coa crenza de que os outros animais naceron para servirnos”.

Cada vez máis artistas mostran unha “postura activa”
“Partimos da hipótese de que nos últimos anos, os marcos éticos e estéticos cambiaron e ampliáronse e, con iso, a maneira de proceder na arte con respecto ao tratamento de animais non humanos”, sostén Domínguez Torres. Desde un enfoque transversal, que abrangueu “as achegas de disciplinas como a literatura, a filosofía, a historia da arte, a ética ou a zooloxía”, a investigación puxo o foco nas características desta violencia “sistemática”, para logo analizar “gran cantidade de obras e artistas do ámbito nacional e internacional”, realizando finalmente unha seleción e clasificación das obras realizadas en España nas primeiras dúas décadas deste século desde unha “clara posición antiespecista”.

“Cada vez hai máis artistas que adoptan unha postura activa para con esta violencia e a súa visualización”, salienta Domínguez, que lembra que “a arte é un reflexo da sociedade na que vivimos”. Nese senso, a súa investigación permitiu concluír que a “defensa de todas as formas de vida” forma parte das tendencias artísticas actuais, así como salientar o papel dunha serie de creadores e creadoras, como Ruth Montiel, Estela de Castro, Amparo Garrido, Verónica Perales, Félix Fernández, MAZ e Manuel Franquelo-Giner, e de iniciativas como a plataforma de arte, cultura e pensamento Capital Animal ou a bienal El Venadito. Arte contra el maltrato animal.

Do mesmo xeito, a investigación achégase tamén ás distintas estratexias e procedementos plásticos empregados por esta serie de “artivistas”. Concretamente, Domínguez fala da visualización desta violencia, de remarcar “o exceso”, de “enxalzar o cadáver do animal”, de situalo como “referente ausente”, do uso do “humor e a ironía”, de accións que se levan a cabo na “rúa e de maneira pública” e das “utopías”, obras que imaxinan “outros modos de habitar”.

A violencia especista tamén se atopa na arte
Nese obxectivo de “contribuír á unha concienciación”, Domínguez tamén analiza unha serie de “obras con moita carga de violencia especista”. Neste punto, recoñece que, no contexto español, aínda que fose nun “número reducido” atopáronse “varios casos de estudo”. Na súa tese sinala nese senso as obras “de ética baleira ou laxa” de Santiago Sierra, Boyer Tresaco ou David Vila, á vez que casos de “maltrato animal explícito”, como a exposición Arte y China después de 1989. El Teatro del Mundo, que puido verse no Guggenheim en 2018.

“Por sorte, cada vez é máis difícil utilizar animais na práctica artística e, de facerse, ocasiona grandes polémicas, denuncias e debates”, conclúe Domínguez, que sinala na súa tese tres tipos de violencia especista na creación contemporánea; “a física, a morte do animal como arte; a espacial, o animal vivo como arte, e a material, o cadáver do animal como arte”.

Animais case humanos que viven felices nas granxas
Outro dos capítulos da tese analiza a “simboloxía” atribuída á figura do animal a través da literatura ou da industria da animación. Neste punto, Domínguez pon o foco na “distorsión antropomórfica” dos animais nas películas de compañías como Disney e na súa “influencia moral en varias xeracións” de nenas e nenos. “Na maioría dos debuxos preséntansenos animais antinaturais, antropomorfos, transformados en case humanos, que viven felizmente en granxas e zoos”, denuncia a investigadora, que incide en que “a cultura popular xoga un papel fundamental na perda de valores e na aceptación e validación da violencia especista”. A esta situación, á súa vez, contrapón unhas “posicións antiespecistas que comezan a estar cada vez máis presentes na literatura infantil ou na animación”, con exemplos como o do ilustrador Roger Olmos.

Da análise teórica á práctica artística
Ao longo do proceso de investigación, a autora desta tese combinou a análise teórica coa súa práctica artística, que leva a cabo baixo o nome de Andrea Torres e que contribuíu “á difusión e transmisión do valor das ideas que sustentan esta tese”. De feito, a artista e investigadora entendeu a creación de obra propia “como parte da metodoloxía e complemento necesario do traballo teórico”, de tal xeito que o seu traballo, tanto plástico como escultórico, permitiulle achegarse doutro xeito aos diferentes tipos de violencia especista analizados na tese.