O obxectivo é realizar unha publicación autoeditada con diferentes visións desta temática
Dar forma a unha publicación colectiva que reúna unha serie de reflexións en torno á idea do amor, desde diferentes perspectivas, é o propósito central do taller de fanzine colaborativo que dúas estudantes da Facultade de Belas Artes promoven na tarde deste xoves na Casa das Campás. Nacido como traballo académico para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que cada curso leva ao estudantado a organizar unha serie de eventos e actividades, as alumnas Aisha Rey e Nato Brandariz decidiron impulsar un obradoiro no que dar forma a un “pequeno cómic autoeditado”, no que cada unha das oito participantes ilustrará as reflexións doutra das artistas, que logo serán completadas pola propia autora.
“Queríamos crear unha proposta dinámica, un proxecto no que as participantes tiveran que interactuar en todo momento, de maneira que o produto final fora tan interesante como o proceso e a experiencia en si”, salienta Brandariz dunha actividade aberta ao público en xeral, que, no mesmo día no que a anunciaron, cubriu as súas seis prazas con alumnas e egresadas da facultade. Así, Andrea Agulla, María Corredoira, Laura Domínguez, Carmen González, Sandra Gutiérrez e Cristina Rus serán finalmente as responsables, xunto ás promotoras do taller, de dotar de contidos unha publicación que decidiron centrar no amor, por ser “un tema moi amplo” que pode ser abordado desde múltiples perspectivas, máis aló da idea do “amor romántico”, explican, así como polo feito de que era unha temática “accesible para o maior tipo de persoas de todos os perfís”.
Coa idea de dar forma a un traballo colectivo, centrado no proceso de realización dun “cadáver exquisito”, este obradoiro implicou en primeiro termo que cada unha das participantes achegase “un breve texto reflexionando sobre o amor”, cuxa última frase sería ademais o comezo do seguinte texto. Tras completar esta fase do proceso, na tarde do xoves chegará o momento de repartir as reflexións reunidas para que cada participante ilustre con tinta vermella “o texto que lle tocou, que non será o seu”, coa idea de que, unha vez rematada, esta ilustración sexa intervida de novo pola autora do texto. “O resultado final será o fanzine recollendo esas ilustracións en dobre exposición”, de tal xeito que “cun acetato azul e vemello” que acompañará á publicación, poidan verse “as ilustracións en conxunto e por separado”. Nese senso, as responsables deste obradoiro traballarán tras o taller na maquetaxe desta publicación coa idea de, de acordo coas artistas participantes, tratar de darlle difusión e que o público “poida ver as diferentes reflexións e como dialogan entre si mediante o texto e a ilustración”.