Alumnado de Belas Artes súmase novamente á creación de obras cambiantes inspiradas en Monção

O alumnado transformou uns lenzos que serán intervidos novamente en maio

Por terceiro ano consecutivo, Belas Artes participa no proxecto Arte em Tránsito, unha iniciativa promovida pola Cámara Municipal e o Cine Teatro João Verde de Monção, no que estudantes da UVigo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Escola Superior Artística do Porto (ESAP) traballan conxuntamente na realización duns cadros inspirados nas paisaxes e na tradición vitivinícola deste municipio do norte de Portugal. Con ese propósito, os alumnos da facultade Río Marbán e Paloma Domínguez Musso participaban recentemente no segundo encontro desta iniciativa, xunto ás alumnas do IPVC María Ferreira e Patrícia Silva. No marco da súa estadía nunha quinta dedicada á produción de viño, as estudantes interviñeron sobre catro lenzos nos que previamente traballaran outros seis estudantes, no primeiro encontro do proxecto.

Estes lenzos permanecerán agora expostos no Museu do Alvarinho de Monção ata maio, cando teña lugar un novo encontro, no que as obras serán de novo transformadas por estudantes das institucións participantes, completando así unha nova edición dun proxecto de “pintura colaborativa”, no que participaron ata o de agora 16 estudantes da facultade pontevedresa. De feito, Belas Artes acollía o pasado mes de decembro a exposición itinerante na que se mostran os cadros realizados nas dúas edicións previas de Arte em Tránsito.

Unha exposición nacida dos vínculos creados na facultade

Nestes días, o alumnado de Belas Artes é tamén protagonista da exposición I love my gang, no local da asociación Kentada, impulsada por egresados da facultade. Trátase dunha mostra colectiva que reúne as creacións de once estudantes e egresados e que ten como nexo de unión a “experiencia compartida” e os vínculos xerados entre as e os participantes na cidade de Pontevedra e na propia facultade. “Dende unha perspectiva actual e un traballo multidisciplinar, as diferentes pezas procuran retratar o amor e a identidade do grupo, dialogando entre si a través do uso común e duns códigos concretos propios da linguaxe gang”, sinala o texto de presentación dunha exposición que poderá visitarse ata o 1 de marzo e que reúne obra gráfica, vídeo ou fotografía, xunto pezas realizadas con cerámica ou con elementos téxtiles.

Presentada como unha “amalgama de obras expostas dun xeito aparentemente informal, que alude ao encontro cotián dos artistas e aos espazos onde crean en convivencia”, nesta exposición poden verse traballos de estudantes como Martín Núñez, Alba Pino Gregores ou Sergio Martínez, xunto con obras realizadas como traballos de fin de grao (TFG). Ese é o caso do proxecto de cómic expandido de Lili Algo, das pezas de Joel Justo ou das propostas de Clarisa Pereira, Jose Paniagua e Babi, participantes tamén nunha mostra que se completa coas creacións de Iker Gómez, Gabriel Esteban e Coes.