Plasmarán a súa interpretación dunha obra de Yolanda Dorda
Achegar á cidadanía “a arte descoñecida feita por mulleres” é, como sinala a estudante de Belas Artes Olga M. Tenorio, o propósito central das I Xornadas muralistas en prol da muller artista (Elas), que esta alumna promove como traballo para unha das materias do grao. Coa participación de cinco estudantes da facultade, esta actividade levarase a cabo este sábado e domingo en Cangas do Morrazo, onde este grupo de estudantes dará forma a un mural baseado nunha obra da pintora coruñesa Yolanda Dorda na parede exterior do pavillón do CEIP Nazaret.
Baixo o comisariado de Tenorio, os artistas e estudantes Abraham Alonso, Andrea Vázquez, Ailén Anahí Alcoba, Marina Aradás e Javier Harlow traballarán na realización deste mural, presentado como unha interpretación da obra Sen Título (2014), un óleo sobre lenzo de Dorda. “Con esta idea, preténdese dar a coñecer e poñer en valor o papel da muller na arte, cunha visión diferente, á marxe do patriarcado incrustado nas institucións artísticas e sen ningún tipo de débeda, mostrando o seu empoderamento”, sinala Tenorio Gallego.
Vontade de continuidade
Xurdidas como un proxecto académico para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano, Xosé Manuel Buxán, estas “xornadas muralistas” nacen, como recoñece Tenorio, con intención de continuidade. “Se é posible, sería algo interesante”, destaca a promotora dunha iniciativa que pretende achegar “a arte descoñecida feita por mulleres aos municipios da comarca do Morrazo”. Organizadas coa colaboración do Concello de Cangas, a primeira edición desta iniciativa levarase a cabo nas xornadas de sábado e domingo en horario de 10.00 a 16.00 horas, co obxectivo tamén de “facer chegar ao público” o propio proceso de “xestación dunha obra artística”.