Almudena Fernández Fariña: “Premio da Crítica de Galicia”

A artista, tras recoller o galardón. Foto: Premios da Crítica de Galicia

A profesora de Belas Artes Almudena Fernández Fariña foi galardoada co Premio da Crítica de Galicia na categoría de artes plásticas.

O xurado destacou a exposición retrospectiva que protagonizou o pasado ano no CGAC

Almudena Fernández Fariña: “O Premio da Crítica de Galicia é unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo”

“Os procesos de creación sempre están cheos de dubidas, de moita soidade, de momentos nos que é fácil caer no desánimo”, recoñece a profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña, quen define como “unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo” o recoñecemento que supón ter sido proclamada gañadora dos XLVII Premios da Crítica de Galicia na modalidade de artes plásticas. “Para min, este premio será ese momento que rescate da memoria cando as cousas non saian o ben que desexo”, engade a tamén directora do Departamento de Pintura da Universidade, que recollía este galardón nun acto celebrado este sábado en Vigo, no que se fixo público o nome das persoas e proxectos seleccionados nas dez categorías destes premios.

“A faceta creadora ten esa parte marabillosa de que estás nese lugar no que desexas estar, pero tamén ten moitos momentos de dúbidas e incertezas e pasas moitos momentos nos que ninguén ve o que fas, polo que che recoñezan cun premio é algo que che fai pensar que tes que seguir nese camiño”, engade a docente e investigadora do grupo dx5. Na 47 edición destes galardóns, Fernández Fariña foi seleccionada finalista na categoría de artes plásticas destes premios xunto a “dúas artistas que admiro moito”, Menchu Lamas e Bea Lema, algo que para ela supuña xa “un auténtico agasallo e un privilexio”, recoñece, ao tempo que destaca o labor duns galardóns “que, de forma ininterrompida, levan máis de 40 anos apoiando a arte, a investigación e a ciencia”.

Recoñecemento a unha mostra que percorreu a súa traxectoria

Na modalidade de artes plásticas, Fernández Fariña foi seleccionada por unanimidade por un xurado integrado pola galerista Nuria Blanco; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; o ilustrador e editor Kiko da Silva, a profesora e fotógrafa Alba Diz; o director do Marco de Vigo, Miguel Fernández Cid, e o crítico Ramón Rozas. No seu fallo, este xurado puña en valor a exposición retrospectiva que protagonizou o pasado ano no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Pisando charcos. Enmarcada no programa anual de revisión de artistas galegos de media carreira deste museo, a mostra tivo como comisaria a tamén profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán, “sen a que posiblemente non tería este premio, porque fixo un traballo curatorial excelente”, sinala Fernández Fariña. Conformada por 45 obras realizadas ao longo das tres últimas décadas, esta exposición buscou proxectar o diálogo que a artista articula entre a pintura e outras disciplinas, como a fotografía, a cerámica, o bordado ou a instalación. De aí que o xurado a definise como “unha mostra significativa da súa traxectoria, máis aló do puramente plástico”, na que propuña “un ámbito de reflexión a través da pintura”, á vez que destacou tamén a intervención Flor de acanto, que levou a cabo no vestíbulo do CGAC e na que propuña un diálogo entre a arquitectura do museo e o contiguo Mosteiro de San Domingos de Bonaval. Nese senso, a artista e docente valora que este recoñecemento faga non só referencia á propia produción artística, senón, tamén “ao traballo de investigación que acompaña a miña actividade”, xa que creación e investigación son para ela “camiños que se cruzan continuamente, que se retroalimentan e que non son capaz de separar”.

Doutora en Belas Artes e egresada da primeira promoción da facultade pontevedresa, da que é docente desde o ano 2000, a obra de Fernández Fariña forma parte das coleccións e institucións como o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, o Museo de Pontevedra, o Consello de Contas de Galicia, a Fundación Caja Madrid, a Deputación da Coruña ou CGAC. O seu traballo artístico foi recoñecido tamén con diferentes premios e bolsas, como o Premio de Pintura L´Oréal, no ano 2000, o a bolsa da Fundación Pollock-Krasner, en 2001; mentres que o seu labor investigador mereceu distincións como o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo e o Premio Provincial á Xuventude da Deputación de Pontevedra, na categoría de investigación, acadados ambos no ano 2009.