‘Interaccións artísticas en Galicia’ desenvólvese ata este venres no Pazo de Mariñán
Estudantes da Facultade de Belas Artes traballando conxuntamente co alumnado das facultades de Ciencias da Educación das universidades de Santiago e Coruña, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, do Espazo de Danza da USC e dos conservatorios superiores de música no desenvolvemento de proxectos e intervencións artísticas que combinen diferentes disciplinas. Isto é o que propón o III Encontro-residencia de creadores emerxentes Interaccións artísticas en Galicia, que deste este martes se desenvolve no Pazo de Mariñán, en Bergondo, coa participación de preto de 30 alumnos e alumnas e que ten na luz o seu eixo temático.
Impulsado polas tres universidades galegas, a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e os conservatorios de Vigo e A Coruña, ao abeiro dun convenio de colaboración, a terceira edición desta iniciativa desenvólvese ata este venres no Pazo de Mariñán, baixo a coordinación dos profesores de Belas Artes Anne Heyvaert e Ignacio Barcia e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo. Xunto aos coordinadores do encontro, a vicerreitora da institución viguesa Susana Reboreda; a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Estudantes da UDC, Cristina López, o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e o vicepresidente, Celestino García Braña, inauguraron este martes un evento que leva por título Teoría e práctica da luz: lóstrego, brétema, ártabro, proposto polo artista e profesor emérito da UVigo Juan Fernando de Laiglesia como coordinador da participación de Belas Artes na anterior edición do encontro en 2019.
Teoría e práctica da luz
Co obxectivo de promover unha “conexión entre alumnos de distintas formacións”, que dea lugar a intervencións que combinen arte, arquitectura, música ou danza estes catro días de convivencia víronse precedidos por un contacto previo das e os participantes, que fixo posible que esta edición botase a andar con varias propostas de intervención da definidas, que toman como fonte de inspiración diferentes fenómenos asociados coa luz, “aínda que, unha vez aquí, crearanse tamén outras sinerxías e seguramente haberá cousas novas e inesperadas”, como salienta Heyvaert.
Unha desas propostas é o concerto-performance Pensar na tempestade, no que os estudantes de Belas Artes José Pons e María Gutiérrrez traballan xunto a alumna da UDC Andrea Trenado e o integrante do Espazo de Danza da USC Giovani Peixoto. “O que pretendemos facer en Mariñán é unha actuación interdisciplinar onde participen ramas artísticas como música, danza, escenografía, composición e improvisación musical, poesía e tecidos humanos”, salienta Pons dunha actuación para a que Gutiérrez confeccionou un traxe luminoso para o bailarín. Non obstante, como lembra este alumno, trátase tamén dunha proposta xerada coa idea de que “o resto dos participantes a modifiquen e melloren” ao longo destes días.
Outra das accións que se desenvolverá nesta residencia será o obradoiro interactivo Cartografías da luz, na que as estudantes de Belas Artes Aldara Vázquez e Blanca Nieves Lourés propoñen un traballo colectivo a partir das súas obras, que abrangue o traballo coa cerámica e “xogos experimentais cun escáner e con luz”, como explica Vázquez. “A nosa idea é relacionarnos co espazo de Mariñán”, engade esta alumna, que destaca o positivo desta iniciativa, “xa que ao compartir un mesmo ambiente sempre nacen ideas derivadas do saber e experiencia colectiva”. Por outra banda, a tamén alumna da facultade Sandra Muñiz levará a cabo, xunto ao estudante da UDC Julio Catalán, Son e territorio nos primeiros raios de luz, unha proposta que se presenta no como “paseos silenciosos con escoita activa e recollida de obxectos naturais-artificiais”. O seu obxectivo final é dar forma a unha “instalación sonora e escultórica”, como explica Muñiz, que incide tamén no positivo de iniciativas como este encontro para “coñecer novas perspectivas dentro da creación contemporánea”.
Do mesmo xeito, un grupo de estudantes de Arquitectura levará a cabo unha intervención lumínica na capela do pazo e todos os proxectos desenvolvidos daranse a coñecer nun evento final de portas abertas, AkelArte. Programado para este xoves ás 21.00 horas e coordinado por Juan Carlos Zahera, da USC, trátase dunha actividade que combinará unha actuación do espazo de danza desta universidade cun percorrido polo interior e exterior do pazo para coñecer os diferentes proxectos.
Catro días de actividade
O programa do encontro complétase cun conxunto de actividades que arrancaron este martes cunha conferencia de Juan Fernando de Laiglesia, que esta tarde mantén tamén un encontro cos grupos de traballo xunto a Alexandra R. Rey, participante na residencia de 2019. Nos próximos días terán lugar así mesmo concertos a cargo do alumnado de dous conservatorios e conferencias e encontros cos académicos Manuel Quintana Martelo, Soledad Penalta, Din Matamoro e Felipe Senén.
As diferentes iniciativas serán rexistradas, en fotografía e vídeo, polas estudantes de Belas Artes Iris Rodríguez, Tamara Goberna e Lucía Perdiz, que integran o equipo de documentación dunha residencia que dará lugar a unha publicación académica en formato dixital.
A actividade continúa en setembro no campus de Pontevedra
Os resultados finais deste encontro daranse a coñecer nas III Xornadas Didácticas das Artes na Galicia de Hoxe: Crear para ensinar, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés o 23 e 24 de setembro. Coordinadas polas profesoras Itziar Ezquieta e Begoña Paz, preséntanse como “un espazo de reflexión en torno ás prácticas artísticas e a súa didáctica” e contan con inscrición gratuíta e ata cubrir as súas 50 prazas.