Dá continuidade ao proxecto expositivo ‘Activar a mirada, des-ordenar o pensamento’
O espazo expositivo de arte contemporánea do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este mércores a súa programación do curso 2022/2023 coa inauguración da mostra Vertebrar a paisaxe, da artista Basilisa Fiestras, profesora da Facultade de Belas Artes, e comisariada por Sara Donoso. A exposición dá continuidade ao proxecto expositivo Activar a mirada, des-ordenar o pensamento, que durante o pasado curso académico se desenvolveu baixo a dirección de Sara Donoso na Sala Alterarte e no que participan mulleres artistas que teñen en común ofrecer no seu traballo unha ollada crítica sobre o mundo.
A exposición foi inaugurada por María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo; Sara Donoso, comisaria da mostra e do ciclo expositivo no que se enmarca, e a artista Basilisa Fiestras. María Isabel Doval subliñou na súa intervención que espazos como a Sala Alterarte serven para “construír paisaxes, ecosistemas de innovación e creatividade” e tamén “para vertebrar territorio”. Son, engadiu a vicerreitora, “espazos que convidan á cidadanía a coñecernos mellor e a ter outra visión do que facemos na Universidade” alén da docencia e a investigación.
Pola súa banda, Basilisa Fiestras destacou que a exposición tomou como “punto inicial a fragmentación do espazo e dos recordos”, afondando e trasladando ao material ideas como a paisaxe e a memoria da infancia e a emigración e como “portar a paisaxe a través da memoria”. Nesta exposición, apuntou, “falo da paisaxe, do territorio, da fragmentación, de como debuxamos e intervimos nós no espazo natural, como o modificamos”. Así, puxo como exemplo a obra principal da exposición, a instalación 42.559110, -8.311001, na que parte de información da aplicación da parcelaria de Galicia Sigpac da súa aldea natal e replica no espazo expositivo zonas especiais na súa memoria e na súa infancia. “É unha recuperación de momentos dunha memoria fragmentada da infancia”, dixo. Outras das obras da mostra propoñen “paisaxes en suspenso que en vez de sombras proxectan luz” e outras afondan no valor das pedras como elemento fragmentador. A exposición tamén inclúe unha peza que parte dunha camisa do pai da artista, emigrante que “leva consigo a paisaxe” e «a morriña de volver á terra”.
Fragmentos dunha natureza transformada
Segundo explica Sara Donoso, Vertebrar a paisaxe é un proxecto pensado especificamente para a Sala Alterarte no que se articulan obras de nova produción con pezas anteriores de Basilisa Fiestras. Na mostra, sinala, aparecen recreados “pequenos fragmentos dunha natureza transformada polo territorio e inspirada nas súas propias vivencias para localizar en Quintelas de Millerada, a súa aldea materna, a orixe da maior parte das pezas”. As creacións que vén desenvolvendo na súa última etapa a artista convidada, comenta a comisaria da mostra, achéganse á paisaxe como suxeito de reflexión. “Para a artista, aproximarse á súa intimidade supón unha potente exposición ao recordo e a infancia, a unha memoria poboada de obxectos que supuxeron un punto de partida no seu desenvolvemento artístico posterior”, apunta Donoso. Nas propostas de Basilisa Fiestras, comenta a comisaria da exposición, “o medio natural é a raíz desde a cal estudar as súas relacións coa contorna para expolas ao público a modo de pulsión creadora” e “as paisaxes non só se soportan no espazo do plano e a representación, senón tamén no encontro físico dos seus elementos: as pedras, a vexetación, a terra”. Nas obras expostas, engade, “cítanse o natural e a súa representación aludindo á paisaxe dun modo afastado do idílico. Unha paisaxe supeditada á mediación humana, que algunhas veces se pensa como acubillo e outras como lugar de tránsito e que se reflexiona nesta ocasión desde a cuestión dos lindes, a infancia, o traballo e o arraigamento á terra”.
Basilisa Fiestras (1985) é profesora asociada de Escultura na Universidade de Vigo e doutora en Belas Artes con premio extraordinario e mención internacional pola mesma institución académica en 2016. A súa obra formou parte de numerosas exposicións individuais e colectivas en centros como o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), a Fundación RAC de Pontevedra ou o museo MARCO de Vigo.