Nunha convocatoria aberta tanto a alumnado como a egresados e egresadas que finalizasen os seus estudos na última década, o grupo de investigación dx5 (Digital & Graphic Art Research) convidaba ás novas xeracións de artistas a reflexionar sobre as “novas derivas da arte gráfica”, a través de obras que tivesen a súa esencia na idea de multiplicidade. Á convocatoria presentáronse preto dunha trintena de proxectos, de entre os que foron seleccionados as seis propostas que desde este xoves poden verse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Formadas e formados na Facultade de Belas Artes da UVigo, as creacións de Cristina Chiarroni, Iago Fontoira, Julio Catalán, Manuel Balsas, Raquel Álvarez e Rebeca Lar conforman a exposición Xerminal, que se insire no programa de actividades do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo.
No marco desta programación, Xerminal buscaba sumar á reflexión sobre “a gráfica de campo expandido e a arte múltiple” as visións das e dos “artistas máis novos”, como sinalou a directora do grupo dx5, Ana Soler, no seu acto de apertura. Neste, o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, incidiu no positivo de que a Sala Manuel Moldes formase parte deste foro cunha iniciativa permite “seguir poñendo en valor o traballo que se fai na facultade”, nun acto no que tamén participaron a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.
“Do íntimo ao político, estes artistas novos reflexionan sobre os actuais límites e derivas do orixinal múltiple, no marco máis amplo da arte gráfica de campo expandido”, recolle o texto de presentación desta mostra, que poderá visitarse ata o 30 de xuño. Nela, a idea da arte múltiple faise presente en propostas como a instalación realizada polo estudante de doutoramento Julio Catalán con láminas de persianas queimadas ou na serie de fotogramas realizados con super 8 de Raquel Álvarez. A doutora en Belas Artes Rebeca Lar, por outra banda, achega a unha serie de pezas realizadas coa técnica do frotagges e outra de fotografías instantáneas, mentres que o Iago Fontoira presentou a instalación Espacio apropiado, construída con xilografías. Por outra banda, en Naturaleza Simulada y Tecnologías, Manuel Balsas presenta unha proxección sobre un espello pintado, madeiras e un óleo, mentres que Cristina Chiarroni propuxo para esta mostra unha instalación interactiva.
Dúas xornadas de reflexión sobre as interseccións da arte múltiple
Tamén no marco deste foro, a Casa das Campás acolle este xoves e venres o ciclo de conferencias Sinerxías, que propón unha reflexión sobre como “a creatividade dos artistas contemporáneos se manifesta a través dunha diversidade de formas que se expanden cara territorios múltiples”, como sinalou na inauguración Ana Soler. Este acto de apertura contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen incidiu na importancia deste foro internacional para “o que pretendemos sexa un campus de especialización en creatividade”. Dirixido a reflexionar sobre cuestións como a “filosofía do múltiple no século XXI, as interrelacións entre espazo, tecnoloxía, creatividade e experiencia, a dimensión intanxible da matriz dixital ou o concepto de serie expandida”, o ciclo abriuse cos relatorios de José Ramón Alcalá e Juan Martínez Moro, das universidades de Castilla-La Mancha e Cantabria, respectivamente. Pola tarde, ponse o foco nas relacións entre “produción e consumo” da man de José Gómez Isla, da Complutense, e Juan Lara, de Ogami Press, mentres que o venres terá lugar unha mesa sobre “derivas tecnolóxicas” e “novos modos de entender a complexidade, na que participarán os artistas e investigadores Esther Pizarro, da Universidad Europea de Madrid, e Rubén Tortosa, da Politécnica de Valencia.