A experimentación co libro de artista e o descubrimento persoal combínanse nunha exposición

Unha exposición reúne os resultados do obradoiro 'Relacións proceso creativo-terapéutico. O libro de artista como fío condutor'

Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus, o obradoiro Relacións proceso creativo-terapéutico. O libro de artista como fío condutor tiña como obxectivo que as e os participantes “desenvolvesen un proxecto persoal”, que tivese no libro o seu punto partida e “no que o proceso creativo fose da man dun proceso de autodescubrimento”, como explica a súa responsable, a profesora Lucía Romaní. Impartido nos meses de marzo e abril, este taller deu lugar a creacións como as que desde este venres poden verse na biblioteca da Facultade de Belas Artes, nunha exposición que reúne unha selección de propostas que “son os resultados do traballo elaborado polo alumnado e nas que o libro convértese nun punto de partida para a aprendizaxe e a experimentación artística”.

Ata o 31 de maio pode contemplarse unha mostra que reúne as creacións de Ada Pérez, Ana Lorenzo, Bibi Martín, Cristina Souto, Anxo Rodríguez, Lucía Ladero, Nerea Malvar, Noela Paz e Saray Martín. Desenvolvidos ao longo do taller, trátase de proxectos que as e o participantes no taller, alumnas ou exalumnas de Belas Artes, realizaron a partir dun libro da súa elección, así como de “imaxes, calendarios ou libretas”, explica Romaní. Nese senso, aínda que compartían un mesmo “fío condutor”, o «proceso creativo-terapéutico» que propuña este taller deu lugar a propostas “moi diversas e heteroxéneas”. Nel, engade Romaní, xurdiron obras que afondan en “linguaxes diversas, dende a narración plástica e visual ata o xogo textual-obxectual, sen esquecer outras metáforas ligadas á memoria, ás relacións interpersoais, ao paso do tempo ou á identidade”. De aí que a coordinadora desta exposición incida en que se trata dunha “mostra aberta e inacabada” que pon o foco na propia “experiencia pedagóxica” desenvolvida no taller, máis que nos resultados finais, e na que cada proposta remite “a vivencias persoais” das artistas participantes.

Creación e análise persoal

Formulado como “unha introdución ao concepto de libro de artista, partindo dunha análise da súa orixe, evolución e características”, o obradoiro que deu lugar a esta mostra buscaba tanto que o alumado afondase na “gran liberdade creativa” que permite este xénero artístico, como que este se vise completado con “ferramentas de autoobservación e análise”, que lles facilitasen “a escoita e a atención plena sobre o proceso de creativo». Con esa idea, unha serie de dinámicas levaron o alumnado a reflexionar sobre “como tomamos decisións mentres se vai construíndo o proxecto” o que, engade esta docente e artista, “permítenos observar o noso funcionamento interno, a nosa estrutura e os nosos mecanismos de defensa”.