A diversidade creativa do alumnado de Belas Artes, en pequeno formato

As e os participantes nesta exposición

‘Que tes no teu casilleiro?’ pode contemplarse no acceso ao centro

Coordinada polo alumnado e dirixida a dar visibilidade ás creacións do alumnado, a exposición Que tes no teu casilleiro? reúne unha serie de obras de pequeno formato de doce estudantes da Facultade de Belas Artes nas vitrinas situadas no recibidor do centro. Impulsada polas bolseiras da Sala X, Andrea León e Cora Novoa, esta exposición reúne traballos de múltiples disciplinas e temáticas. Esta serie de obras foron seleccionadas de entre as propostas presentadas á convocatoria aberta polo espazo expositivo, que tiña como única limitación as dimensións das nove vitrinas e dous atrís que desde este venres acollen as creacións de Uxía González, Andrea Mosquera, Andrea Torres, Conchi Garrido, Candela Conde, Carolina Bouza, Lara Cores, Daniel Selas, Eva Antelo, Nuria Oujo, Carla Gasparrini e José María Paniagua.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o vicedecano de Calidade da facultade, Javier Tudela, participaron, xunto ás e os artistas e as responsables da exposición, na inauguración dunha mostra que permite ver traballos “con distintos materiais e técnicas”, que reúnen “moitas mensaxes e un punto de vista moi disruptivo”, como salientou Soto. Tudela, pola súa banda, puxo o acento en que se trata dun proxecto que “parte do alumnado” e dirixido tamén ao alumnado e destacou a importancia de dar a coñecer o traballo que se realiza en Belas Artes “fóra da facultade”. Como explicaron Novoa e León, o obxectivo desta proposta era dar a coñecer os traballos do alumnado e “mostrar quen somos”. Nese senso, a exposición verase complementada pola edición dun catálogo, que se realizará no taller de risografía da facultade.

Dos mundos interiores á crise ambiental

“Pareceume unha grande oportunidade poder compartir a nosa obra e facelo ademais na facultade”, salienta Candela Conde, que presenta unha das fotografías da serie que realizou durante o confinamento, na que buscou capturar obxectos do meu día a día”, empregando un espello circular como nexo entre as diferentes composicións. “É moi gratificante poder estar nunha exposición colectiva e ver que presentaron os outros alumnos”, engade a estudante de intercambio Carla Gasparrini, natural de Arxentina, que presenta unha obra xurdida da súa estancia en Galicia e que parte do seu interese “pola bitácora de viaxe e polo libro como obxecto”. Tamén o libro e máis en concreto “a consideración do libro como cidade e a cidade como libro” son o eixo da proposta de Eva Antelo, xurdida do seu traballo do fin de mestrado e na que presenta unha serie de fotografías tomadas no barrio de La Trinidad, en Málaga.

Un xogo de espellos, que converten en anteface no rostro de espectador a imaxe dunha avelaíña, sustenta a obra de Uxía González, mentres que Nuria Oujo afonda na idea de máscara, “non coma un obxecto que podes quitar ou poñer” senón como algo propio, nuns retratos nos que buscaba crear “unha sensación entre realidade e ficción”. Por outra banda, Conchi Garrido achega á mostra unha “mini-instalación” composta por un conxunto de pezas con “formas orgánicas” que presenta como “un reflexo do meu imaxinario”, á vez que Carolina Bouza sinala tamén ao seu “mundo interior” como a fonte de inspiración dunhas obras realizadas con gouache. José María Paniauga, pola súa banda, valeuse das propias características da exposición para xogar nun retrato “coa idea do encerro e do cristal”, que reflectise á súa vez as “sensacións de angustia e inquedanza” derivadas “da situación que estamos a vivir”.

Como “un diálogo entre a supervivencia da natureza e a ambición do ser humano” presenta Andrea Mosquera, no dossier da exposición, unha obra baseada na mestura de elementos naturais e artificiais, un aspecto tamén presente na proposta de Daniel Selas, que amosa “unha colección de residuos orgánicos”, previamente secados e envasados e que dan lugar no seu conxunto a un “diálogo poético entre os materiais naturais e material plástico que as recobre”. O plástico reciclado, así mesmo, constitúe, “mediante a súa unión e desfiguración», o material central da obra de Lara Cores. Por último, os procesos da industria cárnica centran as creacións de Andrea Mosquera, unha serie de debuxos que “sinalan, a modo de crítica, as liñas de fragmentación que trazamos os humanos sobre o corpo doutras especies, como se fosen simples recortables”.