A creación sostible inaugura unha liña de colaboración entre Belas Artes e a Fundación Laxeiro

'O que hai. Obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade' inaugurase este mércores. Foto: Alberto Santos

Concretarase nun convenio co que se promoverán mostras anuais

A través do convenio que prevén asinar proximamente, a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e a Fundación Laxeiro inician unha liña de colaboración dirixida a mostrar o traballo de investigación e creación das novas xeracións formadas no centro do campus pontevedrés. Farano a través dunha serie de exposicións temporais na Casa das Artes, sede desta institución cultural, e que estarán comisariadas por docentes e investigadores da facultade e protagonizadas principalmente por artistas formados neste centro. A primeira delas, O que hai. Obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade, foi presentada este martes e ten na idea da creación sostible e no uso de materiais cotiáns ou de refugallo na produción artística o seu fío condutor. Comisariada polo artista e investigador Alberto Santos, a exposición reúne as creacións de Alberto Ardid, Julio Catalán, Mar Ramón e Estéfana Román.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero; a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; o vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre; o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, e o comisario Alberto Santos presentaron unha mostra que poderá visitarse ata o 11 de febreiro. “Pensamos que é un convenio moi interesante, porque é unha forma de mostrar o traballo de investigación que se fai na facultade e que está identificado cos procesos de creación”, salienta Pérez-Jofre dun acordo que consolida a colaboración que, “dunha forma máis puntual”, a facultade e unha fundación “cunha raizame cultural importante, en Vigo e en Galicia”, manteñen desde hai anos. Nese senso, a exposición que se inaugurará este mércores ás 19.00 horas é a primeira dunha serie de mostra nas que, explica, “haberá unha presenza importante de artistas que estudaron na facultade” e que constitúen “unha vía máis para dar a coñecer á sociedade o traballo que estamos facendo”.

Arte nacido da “precariedade”

Alumno do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea e profesor na Escola Universitaria CEU de Maxisterio, centro adscrito á UVigo, Alberto Santos explicou que o punto de partida desta exposición foi unha realidade vivida na súa etapa na facultade, as dificultades que a crise de 2008 implicou para as e os artistas da súa xeración á hora de contar con “materiais nobres” ou promover proxectos de grandes dimensións. “Tiñamos que traballar co que había”, lembra dunha situación que levounos a explorar as posibilidades do traballo con “materiais humildes”, pero tamén a unha reflexión sobre a sostibilidade dos procesos de produción, que se conecta directamente co que, engade, “hoxe xa é unha tendencia dentro da arte contemporánea”, a aposta por unha creación na que a reciclaxe e o reemprego dos materiais constitúe unha “parte fundamental” do proceso artístico.

Partindo destas ideas, O que hai «mostra traballos nos que os contextos ocupan o espazo expositivo, principalmente en forma de instalación e de escultura, mediante estratexias de cambio de contexto e reutilización, que cuestionan os modos de produción convencionais e as súas implicacións éticas e estéticas”, como destacan desde a Fundación Laxeiro. Nese senso, nunha mostra que avoga pola “hibridación de linguaxes, técnicas e procesos” e busca potenciar “un diálogo” entre as pezas dos catro artistas, como sinala Santos, móstranse creacións como as o que tamén o alumno de doutoramento de Belas Artes Julio Catalán crea con diversos obxectos atopados, promovendo unha reflexión sobre a relación co territorio. Na súa idea de “provocar novos significados” a través do “cambio de contexto” dos materiais, o tamén investigador predoutoral Alberto Ardid válese de elementos presentes no seu taller para dar forma á proposta que achega á exposición, mentres que a doutora en Belas Artes Mar Ramón emprega materiais cotiáns e pezas cerámicas de reducidas dimensións para articular “un diario obxectual de pequenos momentos cotiáns”. Por último, a mostra complétase coas “pezas introspectivas” creadas por Estéfana Román con plástico e materiais téxtiles.