A arte múltiple invadirá Pontevedra con tres exposicións e intervencións no espazo público

A idea da arte múltiple constitúe o núcleo central da actividade que desde hai dúas décadas desenvolve o grupo de investigación dx5 (Digital & Graphic Art Research), da Facultade de Belas Artes, que ten abordado desde múltiples perspectivas a evolución vivida pola arte gráfica, caracterizada pola existencia “dunha matriz que xera múltiples” obras, como sinala a súa directora, Ana Soler. Esa evolución “cara unha gráfica de campo expandido” e, máis concretamente, o que acontece “cando esa matriz xa non xera estampas, senón elementos que invaden o espazo” constitúe o eixe de O múltiple que ocupa o espazo, un programa de actividades no que se insiren tres exposicións, intervencións no espazo público e un foro académico.

Coordinada polo grupo dx5 e promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, esta programación desenvolverase entre o mércores 8 e o venres 10 de maio en diferentes espazos da cidade. Por unha banda, a sede da Vicerreitoría acollerá o VII Foro Internacional de Creación na Fronteira, mentres que o Pazo da Cultura, a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e a Fundación RAC inaugurarán neses días tres exposicións.

Este conxunto de propostas foi presentado este martes no Concello de Pontevedra, nunha rolda de prensa na que Soler e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, estiveron acompañados por Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea da Universidade de Vigo; Alexandra R. Rey e María Gar, da empresa Vaciocero, e Carlos Rosón, presidente da Fundación RAC. “Propuxéronnos o reto de converter Pontevedra nun gran espazo que acollese exposicións, investigacións e intervencións artísticas arredor da idea da matriz que xera múltiples”, subliñou Gómez. “O que imos facer é crear espazos de interferencia entre o múltiple e a instalación”, engadiu a directora do grupo dx5 respecto dunha iniciativa que combina a “investigación científico-técnica, coa parte filosófica-conceptual e, por suposto, a artístico-práctica” e que busca achegar a arte contemporánea á cidadanía.

Da simbiose ás resonancias

A programación de O múltiple que ocupa o espazo arrancará na tarde do mércores 8 coa inauguración no Pazo da Cultura de Simbiose, unha exposición que, en torno a estas liñas de reflexión, reunirá as creacións de 24 artistas, boa parte delas, realizadas especificamente para este proxecto. Como lembrou Soler, entre as e os protagonistas desta mostra, atópanse nomes como os de Víctor Solana, Maider López, Esther Pizarro, Inma Femenía, Ángel Massip, Elena Jímenez, Juan Moro ou Rita de Sousa, xunto a varios das e dos integrantes do grupo dx5. A mostra verase ademais complementada por unha serie de obradoiros para público familiar e visitas guiadas, con inscrición previa na plataforma Apúntate do Concello.

Ao día seguinte estrearase na Sala Manuel Moldes Xerminal, unha mostra resultado dun concurso aberto a estudantes de toda España, así como a titulados e tituladas na última década, aos que se convidou a reflexionar respecto das novas derivas da arte gráfica e a reformulación dos seus procesos formais, técnicos e conceptuais. Seleccionados de entre preto dunha trintena de propostas, esta exposición reunirá as creacións de Cristina Chiarroni, Iago Fontoira, Julio Catalán, Manuel Balsas, Raquel Álvarez e Rebeca Lar.

Tamén desde o xoves 9 poderá visitarse na Fundación RAC a exposición Resonancias, conformada por unha selección de obras pertencentes aos fondos desta entidade e que achegarán “distintas apreciacións” respecto desa idea do múltiple que ocupa o espazo. A mostra reunirá pezas de “artistas de recoñecido prestixio” como Stephen Dean, Isidro Blanco, Ignasi Aballi, Antoni Muntadas, Benjamin Torres, Jonathan Hernández e John Baldesari.

Das sinerxías ás interferencias

Nas xornadas do xoves 9 e o venres 10 desenvolverase ademais o VII Foro Internacional de Creación na Fronteira que, baixo o título de Sinerxías, reunirá unha serie de investigadores e artistas co propósito de reflexionar, como apuntou Soler, sobre cuestións que abranguen “desde o consumo da obra de arte ata a parte máis tecnolóxica, os datos como fonte de creación”.

Finalmente, a programación complétase coas Interferencias, un conxunto de intervencións no espazo público, que se estrearán na tarde do venres cunha visita guiada. “Interésanos sacar á arte á rúa”, subliñou Soler, que incidiu en que esta proposta non só abranguerá intervencións nas rúas, “en vallas ou en sinais de tráfico”, senón que se desenvolverán tamén accións “no espazo dixital”, como nas propias redes sociais do Concello. Nesta proposta tomarán parte as artistas Ampparito, Lucía Romaní, Sabrina Fernández, Sara Piñeiro e Susana Blasco, así como a propia Ana Soler e o grupo dx5.

Programación de ‘O múltiple que ocupa o espazo’