Seis alumnas exhiben as súas obras na mostra ‘Ecos dispares’

Ecos dispares reúne as creacións de seis alumnas de Belas Artes

Nestas semanas poderá visitarse tamén en Pontevedra a exposición Ecos dispares, que reúne na galería Tangram un total de 40 obras de seis alumnas de Belas Artes. Coa estudante Mónica Pérez como comisaria, a mostra inaugurada na noite deste mércores presenta un conxunto de obras que, explica, “non teñen un fío conector”, máis aló de que foron realizadas por artistas que se forman na mesma facultade. “Cremos que iso tamén o fai interesante, xa que, aínda que compartamos a mesma ensinanza, cada unha crea a súa obra desde o seu punto de vista totalmente persoal”, sinala a comisaria dunha exposición que poderá visitarse ata o 12 de marzo.

Ecos dispares reúne as creacións de Elena Pérez, Carmen Otero, Rebeca Aurora E.L., Martinna Migliarini, Sofía Neira e a propia Mónica Pérez, e nela fanse presentes unha diversidade de temáticas, desde “a memoria, o arquivo, a sociedade ou o folclore”, ata o cotián ou mesmo a estética ciberpunk. “Esta exposición pretende reflectir a diversidade que se atopa na Facultade de Belas Artes”, engade Pérez Gregorio respecto dunha exposición que xurdiu da iniciativa deste grupo de alumnas, “co obxectivo de proxectar o noso traballo cara novas posibilidades».