Unha exposición en Belas Artes reúne os resultados dun taller co artista polaco Grzegorz Wnek

A exposición ‘Next to reality’ pode visitarse na sala O Abrigo

A exposición ‘Next to reality’ pode visitarse na sala O Abrigo. Seis estudantes e dúas tituladas participaron no obradoiro no que propuña reinterpretar a realidade.

“A idea do taller era comezar na realidade e cambiar a realidade”, sinala Grzegorz Wnęk, profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia, do obradoiro que impartiu esta semana no campus e que deu como resultado final o conxunto de obras que desde este venres poden verse na exposición Next to reality. Seis estudantes da Facultade de Belas Artes e dúas egresadas tomaron parte neste taller no que este artista e docente propuña crear cadros que tivesen como punto de partida a representación diferentes elementos da realidade cotiá, para logo transformala a través da incorporación de textos e novas imaxes.

Os resultados deste taller reúnense na exposición inaugurada nesta xornada na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, onde Wnęk impartiu o taller Next to reality, que tiña como obxectivo “desenvolver as posibilidades interpretativas e de imaxinación a través dun sistema multicapa, creando unha composición pictórica con diversas posibilidades de interpretación”. Con esa idea, o artista e docente reuniu un conxunto de elementos na propia sala, nunha sorte de bodegón no que tiñan cabida desde unha planta ata unha pantalla de ordenador. Mais o seu propósito non era que as e os participantes representasen esas pezas, senón empregalas como punto de partida para “irmos á seguinte realidade”. Con esa idea, as e os participantes debían pintar primeiro un fragmento desa realidade, para logo reinterpretala incorporando dous novos elementos; a introdución de texto na imaxe, que podía ser tanto un fragmento dunha obra literaria como unha creación propia; e unha nova imaxe pictórica, coa idea de establecer “novas conexións e posibles lecturas da obra”.

Na mostra inaugurada nesta xornada, coa participación do vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, preséntanse as obras das estudantes do Grao en Belas Artes Tete Casas, Noela Paz, Mónica Pérez Gregorio, María Rodríguez Hervás e Lucía Villar e do estudante Ismael Prieto, xunto ás das artistas formadas na facultade Lúa Gándara e Arantza Pardo. “A cooperación cos estudantes foi moi positiva”·, recoñece Wnęk, beneficiario neste 2024 do programa Cultura polaca no mundo e que, ao longo da súa traxectoria, acadou recoñecementos como o Gran Premio do Concurso Nacional de Pintura Contemporánea Bielsko Outono ou un terceiro premio no Concurso Nacional de Pintura Leon Wyczółkowski.

Segunda exposición do curso en O Abrigo

Next to reality poderá visitarse ata o 8 de novembro e é a segunda exposición do presente curso en O Abrigo, sala que anteriormente acollía a cafetaría da facultade, reconvertida hai dous anos nun espazo expositivo, despois de que as convocatorias para a adxudicación deste servizo quedasen desertas. Previamente, a sala iniciaba o curso cunha mostra que reunía un conxunto de obras relacionadas coa estética da tatuaxe. Esta mostra era tamén a primeira iniciativa promovida polo novo colectivo coordinador da sala, Lupercais, integrado polas alumnas Lucía Estévez e Lucía Leirós.