A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura este xoves a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para a sala de exposicións do campus, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile e poderá visitarse ata o 22 de novembro. Co profesor da Facultade de Belas Artes Nono Bandera como comisario, a mostra, sinala, “articúlase a partir de cruces e asociacións arredor da obra” de Seoane e afonda en “como certas ideas ou prácticas artísticas viaxan dun lugar a outro, adáptanse e transfórmanse”.
Como explica Gabler, conversas previas con Bandera levárono a afondar na figura e traxectoria de Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), tanto polo seu interese “pola relación entre a arte e a cultura popular”, como por artistas que “traballaran en distintos medios”, lembrando neste punto as “incursións de Seoane no deseño, co proxecto de Sargadelos, que era en certa medida unha forma de levar a cultura tradicional á modernidade”. Ademais, o feito e que Seoane fose fillo de emigrantes e nacese na Arxentina, país ao que tivo que retornar como exiliado, facía del unha figura idónea para un proxecto que aborda tamén “o intercambio cultural entre España e América do Sur”, como destaca Gabler, que nos últimos anos protagonizou exposicións en Chile, Estados Unidos e Inglaterra. Estas conexións vense reflectidas á súa vez no título da mostra que, como engade Bandera, “non só fai mención ao azul de Seoane, senón tamén ao outro lado do mar” e a unha tenda na que atopar “algunha sorpresa inesperada”.
Un proxecto específico para a Sala Moldes
Ideada para este espazo, Ultramarinos Seoane presenta instalacións como Laboratorio de formas, que alude ao proxecto impulsado por Seoane e Díaz Pardo, como “unha sorte dunha nova Bauhaus”, sinala Gabler, que conecta este proxecto coa escola alemá de Ulm. “Unha cuestión que me pareceu moi interesante de Sargadelos é o rescate do local, da historia e das formas, pero poñéndoo en diálogo coa modernidade”, engade o artista chileno, que afonda tamén nesta idea incorporando unha representación do “deseño modernista” que Seoane realizou dun gaucho en No soy de aquí, ni soy de allá, un mural que alude “á idea de migración”.
Outra propostas é o mosaico pictórico de 70 módulos Vidas paralelas, que conecta á obra do republicano Luis Seoane coa do “pintor franquista” Fernando Álvarez de Sotomayor, tamén galego. Este, lembra Gabler, fóra director da Escuela de Arte de Chile e do Museo do Prado, chegando a “coincidir xeograficamente con Seoane” en 1947, cando coordinou unha exposición en Bos Aires, idea que Gabler traslada a unha peza na que conecta obras destes dous pintores e de José Gutiérrez Solana, participante naquela exposición.
Primeira exposición do curso
Coa inauguración desta mostra, na tarde deste xoves, arranca a programación da sala Manuel Moldes neste curso, sendo ademais unha proposta que conecta directamente con dúas das liñas que articulan a programación deste espazo, como lembra o seu coordinador, Ignacio Pérez-Jofre. Concretamente, sinala o tamén vicedecano de Cultura, cos obxectivos de “traer artistas do ámbito nacional ou internacional que acheguen algo interesante ao noso contexto” e de acoller propostas que atendan “cuestiones e manifestacións propias no ámbito cultural de Pontevedra e Galicia”. Neste caso, lembra, ao positivo de “acoller o traballo dun artista internacional, que ademais supón unha colaboración coa Universidad Finis Terrae”, súmase o feito de que se trata dun proxecto expositivo “que dialoga cun dos máis importantes creadores da arte e a cultura galega”, e que se enmarca á súa vez “no contexto do intenso debate sobre o pensamento decolonial, as idas e vidas da emigración e o exilio e as mutuas influencias culturais”.