O congreso da Asociación de Estudos Xaponeses celebrarase por primeira vez en Galicia

O XVI congreso da AEJE terá lugar en Pontevedra do 25 ao 27 de setembro

Integrada por investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos, a Asociación de Estudios Japoneses en España (AEJE) celebrará por primeira vez o seu congreso bienal en Galicia no mes de setembro. Da man do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes, Pontevedra acollerá entre o 25 e o 27 de setembro o XVI Congreso nacional e VII congreso internacional da AEJE, no que participarán preto de 80 investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos. Baixo o título de A imaxe do Xapón e o Xapón da imaxe, a sede da Vicerreitoría do campus será sede dun foro académico que porá o foco “na importancia da cultura visual no Xapón e do Xapón, en todas as súas modalidades e manifestacións artísticas e culturais, tanto pasadas como presentes”, sinalan desde a organización.

Con preto de tres décadas de traxectoria, trátase dun “congreso transdisciplinar”, como sinala o investigador do grupo dx5 e director do comité organizador, José Andrés Santiago, que explica que o evento da AEJE reúne especialistas de “moi diferentes ámbitos, pero que teñen un tema en común, os estudos de Xapón”, contribuíndo a xerar “sinerxías e colaboracións”. Combinando a participación presencial e virtual, este foro académico reunirá en Pontevedra especialistas en historia da arte ou literatura, así como a investigadoras e investigadoras especializados en manga e anime, o cómic e animación xaponés, “un estudos que están crecendo cada vez máis”, recoñece Santiago. Nese senso, destaca que a organización deste congreso da AEJE supón para “un paso máis” na súa traxectoria de investigación centrada no estudos de manga e anime do grupo dx5.

Diversidade temática nunha das edicións máis numerosas

Buscando afondar en como a imaxe do Xapón se traslada ás artes, ao cinema ou a literatura, pero tamén en como “esa rica cultura visual utilizouse para a construción da imaxe simbólica do Xapón en todo o mundo”, neste congreso presentarán os seus estudos preto de 80 investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos e países. De aí que Santiago incida no carácter “transdisciplinar” dun congreso que, ademais de estudos sobre literatura, arte, animación ou cómic, contará con achegas “desde moitos outros campos”, xa que entre as súas liñas temáticas figuran tamén a arquitectura, o modelo turístico, a imaxe do Xapón na escena política internacional, a “dicotomía entre tradición e modernidade” ou a gastronomía do país asiático.

Ao igual que en 2022, o congreso combinará a participación presencial e virtual coa idea de “fomentar a participación da comunidade académica de América Latina”, sendo ademais unha das edicións do congreso con maior número de participantes. Esta verase complementada á súa vez pola publicación dun número monográfico da revista Mirai. Estudios Japoneses, dedicado á temática do congreso.

Organizado pola AEJE e o grupo dx5, ás diferentes mesas de presentación de investigacións sumaranse tres conferencias plenarias. O relatorio inaugural será impartido por Jaqueline Berndt, profesora de Cultura Xaponesa na Universidade de Estocolmo, que centra a súa actividade investigadora nos estudos de cómic e animación xaponeses, mentres que a conferencia de peche correrá a cargo da profesora de Teoría de Animación da Universidade das Artes de Singapur Sheuo Hui Gan. A estas dúas expertas sumarase o relatorio do tradutor e intérprete de xaponés Marc Bernabé, responsable da tradución de máis de un milleiro de tomos manga e cuxa traxectoria profesional, como lembra Santiago, “ofrécenos unha perspectiva deste medio que ninguén máis pode darnos”.