“O cabelo forma parte da vida e da identidade das persoas”, salienta a profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán, editora novo libro do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), Lo que el pelo dice de nosotras, un volume que afonda nas “posibilidades simbólicas do cabelo para transmitir mensaxes de diversa índole” e en como foi utilizado ao longo da historia da arte. Con ese propósito, o libro reúne a análise que Cendán realiza sobre o como o pelo foi empregado como símbolo tanto de “morte e memoria”, como de “subversión” fronte aos estereotipos de xénero. Editado por Dardo, a publicación complétase coa presentación dos principais resultados da tese de doutoramento de Nuria Bouzas, que realizou unha análise da simboloxía asociada ao cabelo ao longo da historia.
“Interésanos especialmente o potencial especulativo do pelo, a súa capacidade para xerar análises culturais e sociais nas diferentes épocas, así como linguaxes artísticas e métodos discursivos”, sinala Cendán dunha publicación que vai máis aló das artes plásticas, para afondar na simboloxía asociada ao pelo noutros ámbitos sociais e culturais. “O pelo segue sendo un elemento de clasificación identitaria, social e incluso política moi importante e por iso debe tratarse desde múltiples perspectivas”, salienta esta investigadora, que ten na análise de como este elemento é empregado na arte unha das súas liñas de traballo, coa que busca tamén “tratar de desmontar relatos relacionados co pelo, moito dos cales se perpetúan amparados na tradición”, subliña. Nese senso, como a representación do cabelo “continúa xerando arquetipos” e perpetuando “modelos de feminidade patriarcais” constitúe un dos focos de análise da publicación coordinada por Cendán e a directora do grupo dx5, Ana Soler, que foi financiada pola Xunta de Galicia, ao abeiro das axudas a grupos de referencia competitiva, e que nos últimos días era presentada na Fundación Didac, en Santiago de Compostela.
Das xoias vitorianas ao seu uso na arte contemporánea
O libro, que conta cunha edición dixital de acceso aberto, ábrese co artigo Pelo, memoria, muerte y subversión, no que Cendán trata de pór en relación “contextos nos que as imaxes do cabelo inspiraron definicións sobre a identidade, a feminidade e a cultura”. A investigadora detense nun primeiro termo no que implicou no século XIX a “xoiería de loito” da época vitoriana, pezas creadas a partir de pelo que “falan da memoria, de preservar o recordo de seres queridos”, para logo deterse tamén en como artistas contemporáneas, tanto recoñecidas como emerxentes, fan uso deste elementos corporal “que forma parte da nosa identidade, para falar da memoria”. Cendán aborda nese senso como “as representacións sobre o cabelo condicionaron as descricións sobre a feminidade nas distintas épocas, alentando a estandarización das mesmas”, para logo deterse en como estas foron abordada desde “posicións feministas” co propósito de reverter estereotipos «aínda vixentes en cuestións de identidade sexual ou de xénero”.
A segunda parte do libro recolle un resumo da tese El pelo como elemento de especulación artística en la creación contemporánea, que Nuria Bouzas desenvolveu no doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, con Cendán como directora. No seu estudo, afonda en como a arte utilizou o pelo como “vehículo de simboloxías sociais, populares, eróticas ou de identidade”, o que lle permitiu constatar a existencia de “determinadas tradicións relacionadas co uso do pelo na construción de estereotipos ligados á representación feminina”, mais tamén como foi epmpregado desde a arte contemporánea para xerar discursos que aborden a igualdade de xénero.