Aínda que está aberta á participación de toda a cidadanía, a programación de obradoiros e cursos de extensión universitaria permite ampliar a formación e coñecementos do alumnado en múltiples ámbitos do seu interese. Ese é o caso do traballo coa cerámica, eixe central de diferentes cursos e talleres na Facultade de Belas Artes, como o obradoiro de iniciación ao volume que nestas semanas se desenvolve no centro. Dirixido a ofrecer ás persoas participantes tanto unha visión xeral dos procesos cerámicos, como os coñecementos prácticos para a realización de pezas, este obradoiro pon o foco nas técnicas de construción en volume, incorporando o traballo con moldes como principal novidade respecto ás propostas previas.
Dirixidos pola profesora Chelo Matesanz, coa participación como docente da egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece, esta serie de obradoiros parten da propia demanda do alumnado de Belas Artes por ampliar os seus coñecementos no manexo destas técnicas. “Son os alumnos os que piden seguir facendo outros cursos”, recoñecen as responsables dun taller que tivo que ampliar a 16 as súas prazas, debido á súa “gran demanda” e no que participan principalmente estudantes de Belas Artes, pero tamén alumnado “doutras facultades e algunhas persoas alleas á UVigo”.
A realización de moldes, principal novidade
Estes talleres reúnen tamén en cada edición tanto estudantes que xa participaron en propostas previas e que queren seguir ampliando coñecementos como estudantado novo, o que fai que todas as propostas desenvolvidas ata o de agora fosen sempre “de iniciación”, xa que “a cerámica é un coñecemento moi vasto”, lembran Matesanz e Pece. Nese senso, aqueles e aquelas que repiten participación “poden facer pezas un pouco máis complexas”, pero cada curso implica a abordaxe dun “proceso básico completo”, que afonde nos diferentes pasos para a preparación dunha “peza completa, desde a construción ao acabado final”, alén estar centrado “nunha temática que se desenvolve máis especificamente”.
Así, se propostas anteriores puxeron o foco nas técnicas pictóricas ou co traballo co torno, neste caso o eixe central do curso, sinala Pece, son “as técnicas de construción”. De feito, unha nas novidades non tratada en talleres previos é a realización de moldes en escaiola que logo permiten facer pezas cerámicas. “É un traballo complexo que leva tempo. Aquí vemos un pouco unha idea xeral e como se fai na práctica, para que poidan entender o concepto e ampliar a súa formación se lles interesa”, salienta Pece dun taller no que o alumnado se inicia no traballo con moldes por apretón e colada.
De 30 horas de duración, o taller que se desenvolve desde comezos de marzo na Facultade de Belas Artes complétase cunha sesión introdutoria á decoración das pezas con pigmentos e vidrados, coa idea de ir tocando todas as fases de preparación dunha peza cerámica. De feito, os resultados do anterior taller, centrado nas técnicas pictóricas, exhíbense nestes meses nas vitrinas situadas no acceso á facultade. “É unha exposición moi didáctica, na que se pode ler a técnica de cada peza”, sinalan as responsables deste taller.