Con motivo do proxecto «8 mulleres para o 8M» a docente e comisaria Susana Cendán escolleu esta obra da tamén profesora e artista Almudena Fernández Fariña para visibilizar as problemáticas da realidade feminina:
Smurffete (Pitufina) forma parte dunha serie de pinturas (Signos e Ornamentos) coas que Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970) reivindica o decorativo, un concepto infravalorado na historia da arte pola súa asociación co insustancial, o feminino ou o doméstico. A artista combina tramas decorativas e imaxes da cultura popular para crear unha irónica ensamblaxe de referentes culturais, na que sobresae, na marxe esquerda do cadro, a figura de Pitufina.
Loira, atractiva, vanidosa e manipuladora, Pitufina é a única presenza feminina nun mundo de homes Pitufos. Unha ficción que non o é tanto, pois ao igual que en tantos relatos (e retratos) artísticos, Pitufina representa a visión distorsionada e estereotipada dunha realidade na que o masculino é a norma, e o femenino a excepción. Mesturada entre trofeos, moléculas, modelos femininos e flores, a Smurffette de Almudena Fernández Fariña cuestiona as crenzas sobre as narrativas da historia da arte, protagonizada maioritariamente por homes. Un claro exemplo de androcentrismo que ten un nome: a Síndrome de Pitufina.