Director de cine e televisión, guionista e produtor, o colombiano Sergio Cabrera é un dos nomes de referencia do cinema de América Latina, “un personaxe de grande interese profesional e humano”, como o define o vicedecano de Belas Artes, Javier Tudela, que este mércores 29 protagonizará un diálogo aberto nesta facultade, organizado coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello de Caldas de Reis. Baixo o título de Unha conversa con Sergio Cabrera, a facultade acolle ás 20.00 horas, no seu espazo 16, un coloquio aberto ao público ata completar aforo e dirixido a afondar “en diferentes temas que teñen que ver coa súa ampla traxectoria profesional e coas súas experiencias en diferentes escenarios do mundo”.
Natural de Medellín, Cabrera formouse na Escola de Cine de Londres e é director de numerosas longametraxes, curtametraxes, documentais e series de televisión, tendo acadados diferentes recoñecementos por filmes como La estrategia del caracol (1993), premiada, entre outros, no Festival Internacional de Cine de Berlín ou co Goya á mellor película estranxeira de fala hispana. Así mesmo, a súa traxectoria vital, desde a súa infancia na China da Revolución Cultural, contribuíu tamén a que a súa figura fose recentemente abordada polo escritor Juan Gabriel Vásquez na novela Volver la vista atrás, publicada neste 2021.
“Será unha charla aberta, unha conversa para abordar cunha persoa cunha experiencia tan longa como a súa, desde cuestións que teñen que ver desde coas narrativas do audiovisual, ata aspectos máis sociais ou relacionados cunha época de grandes cambios”, apunta Tudela do coloquio que conducirá xunto coa cineasta e profesora da facultade Xisela Franco. Como salienta, esta actividade xorde “da colaboración que en Belas Artes mantemos desde hai anos co Concello de Caldas, que grazas ao irmandamento que teñen con diferentes entidades de Colombia déronnos a posibilidade de contar coa presenza de Cabrera na facultade”.