8 mulleres para o 8M: Zoe Leonard

Zoe Leonard. Pin Up (Jennifer Miller), 1997
Zoe Leonard. Pin Up (Jennifer Miller), 1997

Para Carmen Lage (profesora asociada da facultade) as obras que eliximos previamente nos elixiron a nós. Interpélannos; conectan cos nosos afectos, con aquilo que nos conmove. Así lle sucede a ela coa obra de Zoe Leonard (Nova Iorque, 1961), unha artista cuxo traballo resúltalle conmovedor porque contén unha experiencia vital que nas sociedades contemporáneas acostuma a permanecer oculta. Desde diferentes linguaxes, a artista reflexiona sobre o cotián, o concepto de memoria e as estruturas de pensamento social. O seu traballo xira entorno a persoas ou cuestións que foron silenciadas ou desaparecidas. Hoxe, Carmen Lage reivindica esta imaxe:

Zoe Leonard. Pin Up (Jennifer Miller), 1997
Zoe Leonard. Pin Up (Jennifer Miller), 1997

Nesta serie, Jennifer Miller aparece como protagonista dun calendario Pin Up que parodia as icónicas imaxes de Marilyn Monroe. Jennifer Miller é unha recoñecida artista de circo, ademáis de profesora e creadora. Ela é unha muller con barba, algo que a sociedade tende a agochar ou a amosar como motivo de mofa ou diferencial, e reflexiona sobre temas como a identificación de xénero e o andróxino. Retratando a Miller coas posturas habituais nas revistas de moda, Zoe Leonard fai fincapé na barba, non para poñer o foco neste aspecto da muller senón na sociedade que entre todos fumos construindo; unha sociedade destrozada pola diferencia, incómoda coas persoas que non teñen o aspecto que desexamos. Partindo destas premisas, compón imaxes divertidas, sexys tamén, e sobre todo con gran potencial para facernos repensar os patróns e roles sociais. Carmen Lage explica o seu interese nesta imaxe: “non todo o normal é sano nin todo o minoritario ou diverso é patolóxico. A miña afinidade con esta proposta está no cuestionamento da normatividade que, frecuentemente, obríganos a adoptar opcións unívocas”.