8 mulleres para o 8M: Sharon Hayes

Sharon Hayes. "I am a man", 2005
Sharon Hayes. "I am a man", 2005

O profesor Xoan Anleo, especialmente interesado na arte feita por mulleres, preséntanos á artista Sharon Hayes (Baltimore, 1970), cuxos proxectos abordan temas como o amor romántico, o desexo ou a teoría queer, explorando a realidade dun mundo mediatizado ou as fronteiras entre o privado e o público, o social e o político.

Xoan Anleo, quen sigue a traxectoria da artista desde os seus inicios, destaca a acción I am a man, pertencente á serie In the near future, que comezou no ano 2005 e foi levando á artista por diferentes puntos de Nova Iorque durante nove días consecutivos portando un cartel protesta. Nun destes actos sostiña unha pancarta coa frase “I am a man”, empregada por primeira vez na folga de saneamento de Memphis de 1968 por parte de traballadores afroamericanos que protestaban pola discriminación racial no lugar de traballo. Esta frase é rescatada por Sharon Hayes acadando un novo significado ao ser agora unha muller branca quen porta dito cartel. Estas accións foron posteriomente repetidas pola artista en diferentes cidades do mundo dando como resultado un total de 354 imaxes.

Xoan Anleo destaca o interese da peza en canto ao emprego da linguaxe en diversos medios e a ocupación do espazo público co acto da fala, facendo reflexionar ao público que camiñaba pola rúa sobre cuestións como as relacións entre a política e a historia, o desexo, o amor ou o respeto.