A artista e profesora Nati Bermejo escolle a Nancy Spero como artista destacada dentro do proxecto “8 mulleres para o 8 M”
Nancy Spero (Cleveland, Ohio, 1926 – Nova York, 2009) foi unha das artistas máis radicais vinculadas á arte feminista. Despois de iniciar o seu traballo como pintora, considerou que este medio, eminentemente masculino, a marxinaba como artista e iniciou unha linguaxe propia empregando o corpo como ferramenta principal.
Nati Bermejo comparte estas lembranzas de Nancy Spero:
«Coñecín a Nancy Spero hai 30 anos no 91, nun dos Talleres de arte actual que se fixeron no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Foi entón cando descubrín o seu proxecto, ela foi unha das pioneiras do movemento feminista e o activismo dos 50 en EE. UU. xunto a Martha Rosler e Adrian Piper. A súa vontade, a forza das súas conviccións revindicando o respecto e a igualdade, a súa enerxía e amabilidade, foron e son un exemplo para min. Naquel taller realizamos unha instalación na terraza aos pés da estatua xigante de Minerva, todas traballamos xuntas imprimindo imaxes de mulleres de todas as épocas facendo deporte. A instalación desapareceu coa remodelación daquela marabillosa terraza, tamén se imprimiron Mujeres haciendo deporte na cafetaría da planta baixa, que son o enérxico contrapunto da estatua de mármore El salto de Leucade, que representa a unha muller que se arroxou desde un cantil por un amor non correspondido».