8 mulleres para o 8M: Miriam Cahn

Mirar (2018). Miriam Cahn
Mirar (2018). Miriam Cahn

A profesora Almudena Fernández Fariña incide na importancia de reivindicar a pintoras feministas, dentro dun movemento habitualmente asociado a linguaxes como a fotografía, o video ou a performance. As artistas que, vencelladas ao feminismo, comezaron a traballar nos anos 60-70 empregaron estas ferramentas por ser, quizais, máis directas á hora de manifestar relacións de poder ou tratar cuestións como a identidade e o corpo. Sen embargo, as artistas feministas que traballan coa linguaxe pictórica son habitualmente menos coñecidas, polo que segue sendo necesario visibilizalas. Por iso, a súa recomendación para o proxecto 8 mulleres para o 8M, é a pintora Miriam Cahn (Basilea, 1949), cuxa obra representa diversas formas de violencia xeradas por sistemas opresivos como o patriarcado ou o capitalismo.

Entre a súa gran produción, Almudena Fernández selecciona esta obra:

Miriam Cahn

Mirar (2018). Nesta imaxe aparece un corpo feminino representado dun xeito non convencional respecto da tradición pictórica. Non se trata dunha muller obxectualizada, senón dun suxeito activo e empoderado. Almudena comenta como este cadro lle remite en dúas imaxes opostas: A orixe do mundo (1866) de Courbet, con esa representación do corpo como obxecto pasivo e cunha vulva que se presenta e se agocha, ao mesmo tempo, quedando oculta tras o vello. No caso de Miriam Cahn os xenitais están enfatizados, reivindicando de xeito explícito e irónico a sexualidade feminina. Doutra banda, este cadro pode lembrar á fotografía de Valie Export Action Pants (que referiu a profesora Mar Caldas na súa selección) onde a actitude do corpo, nunha postura desafiante, tamén funciona como espazo de resistencia fronte ás formas normativas, construidas socialmente e asumidas, de representar e observar o corpo feminino.