8 mulleres para o 8M: Martha Jungwirth

Martha Jungwirth Untitled (Maja I), 2021

A propósito do proxecto «8 mulleres para o 8M» A artista e profesora da facultade Chelo Matesanz fálanos dunha obra de Martha Jungwirth (Viena, 1940). O traballo desta artista destaca por asumir unha pintura liberada dos conveccionalismos (plásticos e conceptuais) pola vivacidade cromática e o interese por amosar cuestións políticas, sociais e de xénero a través da súa particular linguaxe.

Chelo Matesanz destaca esta peza:

Martha Jungwirth
Untitled (Maja I), 2021

Esta obra pertence a unha serie que recentemente prepara a artista sobre as Majas de Goya, e que se mostrou na pasada feira ARCO´22, na galería Thaddaeus Ropac.

A artista realiza esta obra con 82 anos, mostra non soamente da súa enerxía para abordar os grandes formatos, senón tamén da súa resistencia. Durante varias décadas traballou entre a figuración e a abstracción, utilizando con frecuencia como tema os obxectos domésticos e a muller hipersexualizada. A liberdade do seu xesto, os brochazos, ou borróns enérxicos constrúen imaxes ás que ela mesma chama “estruturas intelixentes”. Hai nas súas pinturas un impulso de traballar co que non se sabe, unha implicación do corpo e do movemento, unha mestura de intuición e coñecemento. As súas propostas son claramente sedutoras e visualmente emocionantes.