8 mulleres para o 8M: Lisa Yuskavage

Lisa Yuskavage. Golden Couple, 2018

8 mulleres para o 8M é unha proposta que nace no ano 2021 como parte da conmemoración do día 8 de marzo, na que se lle pediu a oito profesores e profesoras da nosa facultade que recomendasen unha obra dunha artista que lles interese.

Un ano máis, queremos seguir aumentando este arquivo desde o cal visibilizar non só o papel da muller na arte contemporánea senón tamén poñer de manifesto a capacidade de moitas artistas para facer fronte ao pensamento dominante e de incidir en cuestións relacionadas co xénero, o social e o político, moitas das cales aínda non foron totalmente resoltas.

Durante oito semanas subiremos á web e ás nosas RR.SS unha das artistas seleccionadas, incluindo unha breve explicación e indicando os motivos de cada docente para facer a súa escolla.

Comezamos con Lisa Yuskavage (Philadelphia, 1962), artista escollida polo artista e profesor da facultade Juan Carlos Román.

Lisa personifica a complexidade discursiva da pintura figurativa. O seu interese non está tanto nos temas que trata, como na revitalización da praxe pictórica baseada nos principios categoriais que representa.

Juan Carlos Román destaca esta pintura:

Lisa Yuskavage
Golden Couple, 2018

Esta obra é debedora das Bad Babies, unha serie de pinturas baseadas nas pin-ups da revista Penthouse da década dos setenta, e de Half-Family, unha fotografía e posterior pintura que realizou á modelo Kate Moss. A figura feminina é a propia Kate, pero sen as marcas corporais do sostén da obra anterior, agora en compañía e cunha copa de viño na súa man dereita. A imaxe parece representar a elegante e sedutora forma dunha cobra que se move ao ritmo cardíaco do corpo, como esperando o consentimento do outro no seu inevitable final. Non é unha pintura tematizada, non conta nada -a arte raramente conta algo-, non hai un programa feminista detrás, aínda que sexa o corpo da muller e a súa sentimentalidade, o recurso iconográfico máis insistente na pintura de Lisa Yuskavage. Pola contra, o seu traballo trata do proceso pictórico, da complexidade que reside na elección da cor e a súa recepción, do claroscuro, do contraluz, das gradientes de cor, etc. Todo iso xa fora feito moito antes, está na tradición da pintura barroca; en Georges da Tour, en Fragonard, en Velázquez, nesa pintura que se afasta da realidade e, ao mesmo tempo, convértese no seu signo de fortaleza. Para Lisa, pintar é como patinar sobre xeo, ao coller velocidade podes impulsarte, pero non sabes moi ben como vas aterrar despois dun improvisado triplo xiro.