8 mulleres para o 8M: Conway and Young

Conway and Young. Milk report, 2019

Para finalizar este percorrido do proxecto «8 mulleres para o 8M», a artista e deseñadora Teresa Búa preséntanos o traballo de Conway and Young. Aquí vos deixamos as súas reflexións:

Conway and Young son un dúo de artistas, deseñadoras gráficas e educadoras que traballan no potencial crítico, social e político do deseño. Levan traballando xuntas en proxectos persoais e por encargo dende 2006. Utilizan o seu traballo como iniciativa para crear colectivos. A súa creación é movida pola práctica do DIY, inclusiva e discursiva.

En concreto, Teresa Búa pon foco na obra “Milk report”, unha peza impresa en 2019 e máis tarde levada a cabo como performance. En “Milk report” exploran a política e a economía dos coidados a través da lactancia materna. Neste traballo rexístranse as horas e minutos que Young dedicou á lactancia materna nos 6 meses despois do parto. A finalidade desta peza gráfica é remunerar o intenso traballo realizado a través dunha edición de 720 exemplares que se venden a 8,21 libras (equivalente ao salario mínimo vital nacional).

“Milk Report” forma parte da Birth Rites Collection, que é a primeira e única colección de arte contemporánea dedicada ao tema do parto.