Continuamos con «8 mulleres para o 8M». Esta vez, o docente Jesús Hernández fálanos de Betty Tompkins.
As pinturas da artista e educadora Betty Tompkins compoñen imaxes fotorealistas onde explora de xeito explícito diferentes comportamentos sexuais buscando, entre outras cousas, confrontar a misoxinia e cosificación da muller no mundo da arte. Entre 1969 y 1974 Betty Tompkins inicia a serie Fuck Paintings, onde representa escenas descaradas inspiradas habitualmente nas revistas porno. A nivel formal percibimos un xogo visual onde confronta o branco e negro, a borrosidade e os primeiros planos para construir imaxes evocadoras que abrazan a abstracción. Estes traballos foron censurados e denunciados por diferentes espazos artísticos e colectivos sociais.
Jesús Hernández destaca Fuck Painting #1: “a artista presenta un traballo que altera a orde social a través de mostrar o comportamento privado resolvendo os problemas propios coa pintura. Unha peza para mirar sen pestanexar”.