Un obradoiro permite explorar as posibilidades pictóricas do traballo con cerámica

Belas Artes acolle nestas semanas un taller de técnicas pictóricas en cerámica

Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría

“A cerámica é un material natural que ofrece múltiples posibilidades a nivel formal e pictórico, co que se pode abarcar o deseño, a arquitectura, a escultura, a tecnoloxía…”, salienta a profesora de Belas Artes Chelo Matesanz, directora do obradoiro que nestas semanas busca iniciar o alumnado participante nas diferentes técnicas pictóricas que poden aplicarse sobre este material. “Inténtase mostrar as posibilidades pictóricas que este material nos ofrece”, explica esta artista e docente respecto deste taller de 32 horas, inserido na programación do obradoiros de extensión universitaria, abertos a toda a cidadanía, da Vicerreitoría do campus.

Xunto a Matesanz, este obradoiro ten como docentes á egresada da facultade e técnica de escultura Teresa Pece e á ceramista Elena Guimeráns, profesora desde hai máis de 25 anos na Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e directora do taller Tinglao en Vigo. Coas súas 16 prazas cubertas, este obradoiro dá continuidade a outros cursos e talleres centrados no traballo coa cerámica que as súas docentes impartiron en Belas Artes o pasado curso e que cubriron igualmente todas as súas prazas. “É moi gratificante ver o grande interese que hai por coñecer as posibilidades plásticas desta disciplina artística”, salienta Matesanz da aceptación recibida por un taller que reúne “tanto alumnado de Belas Artes como doutros ámbitos” e para o que non eran precisos coñecementos previos na materia.

A diferencia de obradoiros previos, o taller que entre outubro e decembro se desenvolve nas tardes dos venres en Belas Artes constitúe un “monográfico” sobre as técnicas pictóricas en cerámica. Nese senso, partindo de que “a cerámica é unha disciplina moi complexa que debemos ir descubrindo pouco a pouco”, o obradoiro busca afondar nas posibilidades plásticas do traballo “cos distntos estados da materia”, como o barro húmido e seco, a aplicación de texturas, a estampación, a mestura de barros,”a aplicación de cores con engobes” ou a ilustración con pigmentos e óxidos. Deste xeito, o seu obxectivo final, como lembran as súas responsables, é que os alumnos e alumnas “entendan as posibilidades pictóricas da cerámica”. Ao mesmo tempo, o taller implica tamén o traballo “con distintos tipo de arxila, para ver en cada caso as súas posibilidades e resultados expresivos”, o que implicou o traballo con arxilas vermellas ou amarelas e, principalmente, “con barro branco para resaltar as cores que imos aplicar posteriormente”.