Os Premios Crea recoñecen o traballo interdisciplinar de seis alumnas do campus

Detalle da obra gañadora, 'Corpos do posible'
Detalle da obra gañadora, 'Corpos do posible'

Dirixidos a proxectos ideados conxuntamente por estudantes de diferentes ámbitos

Que alumnado de cando menos dos dous ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra traballase conxuntamente no desenvolvemento dunha obra de carácter interdisciplinar era o propósito central dos Premios Crea-Creatividade e Innovación, promovidos pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social da Universidade. A titulada no máster en Dirección de Arte en Publicidade Anubis Muñoz e a egresada do Máster de Profesorado Doira Barrio alzáronse co primeiro premio deste certame por Corpos do posible, unha peza que aborda a diversidade de xénero, resultado dun proceso de traballo que buscaba combinar, explican “a educación en valores” e a “linguaxe visual propia do deseño e da comunicación”. Xunto a Barrio e Muñoz, o xurado destes galardóns acordou tamén recoñecer, co segundo e terceiro premio, respectivamente, as creacións O refuxio, de Nieves Guimeráns e Raquel F. Couto, e Detrás de, de Xela Neira e Lola Rodríguez.

Combinando linguaxes para educar na diversidade

Graduadas ambas en Belas Artes, a traxectoria formativa de Barrio e Muñoz, gañadoras dun premio dotado con 1500 euros, avanzou desde entón, explican, por “direccións distintas”, que combinaron en Corpos do posible. Realizada “en pleno debate da Lei Trans”, como lembra Barrio, esta obra “fala do non binario, do xénero como unha construción social”. Trátase dunha fotomontaxe que presenta unha serie de cubos, que emulan “unha especie de xogo educativo para nenos”, á vez que busca “mostrar unha mensaxe actual de forma efectiva e intuitiva”, mediante a combinación “de linguaxes propias da escenografía, do deseño gráfico e da publicidade, utilizando imaxes fotográficas que son todo o contrario do que acostumamos a ver en publicidade, pero tratadas do mesmo xeito”, como sinala Muñoz.

“Trátase de educar ás persoas na diversidade, tanto física como de pensamento”, engade esta egresada que viu nestes Premios Crea un “reto moi motivador”, no que “o máis complexo foi pór as ideas en común e decidir que era o que queríamos contar”, aínda que logo traballar conxuntamente “fose doado, xa que coñeciámonos de antes”, engade. Tituladas en Belas Artes, Barrio e Muñoz forman parte de feito das egresadas e egresados da facultade seleccionados para a exposición Do final e do comezo, que nestas semanas se exhibe no Pazo da Cultura.

Arte e ecoloxía, nunha obra “para unha paisaxe cotiá”

Estudante de Belas Artes Raquel F. Couto desenvolveu xunto con Nieves Guimeráns, alumna da Escola de Enxeñaría Forestal O refuxio, unha obra na que empregaron materiais como pólas ou piñas e que presentan como “unha proposta de intervención para unha paisaxe cotiá”. Gañadora dun segundo premio de 1000 euros, trátase dunha obra xurdida, como salienta Fernández Couto, “da participación e intercambio de experiencias e coñecementos sobre os procesos artísticos e os ecosistemas”. Froito dun “proceso colaborativo e educativo”, é unha obra concibida para que sexa emprazada nunha contorna natural e contribuír así “á biodiversidade local e promover a formación de colonias de insectos”. Neste punto, Couto pon de relevo que “especies polinizadoras como abellas, xoaniñas, crisopas ou escaravellos, que levan a cabo unha tarefa silenciosa pero fundamental para a nosa terra, teñen cada vez un espazo máis reducido”. De aí que se trate, engade, dun traballo resultado “dun proceso colaborativo e educativo, baixo o binomio de arte e ecoloxía”, que resultou á súa vez “moi satisfactorio”.

Un reto para o que buscaron “deixar unha pegada no espectador”

“Somos amigas desde hai anos e esta foi a escusa perfecta para facer algo xuntas e pasar un bo rato creando”, salientan a estudante de Comunicación Audiovisual Xela Neira e a alumna de Belas Artes Lola Rodríguez, gañadoras do terceiro premio por Detrás de. Como apunta Neira, estes Premios Crea constituíron “unha oportunidade de potenciar a nosa creatividade e facer algo que supuxera un reto”, para o que buscaron crear unha peza que “deixara unha pegada no espectador”. Trátase en concreto dunha obra con “dúas partes”, unha capa máis visible e outra “que só se deixa entrever” e que “simula a pel, como se a estivésemos arrincando para amosar o que verdadeiramente se atopa debaixo dela”.