O alumnado de Belas Artes terá un espazo propio na Mostra de Cinema Periférico S8

Imaxe da curta de Claudia Pineda seleccionada para 'Sinais'

As estudantes Tamara Goberna e Claudia Pineda foron seleccionadas para a sección ‘Sinais’

Diferentes sedes da cidade da Coruña acollerán, entre o 27 de maio e o 5 de xuño, a décimo terceira edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico S8, que permitirá novamente coñecer as creacións audiovisuais do alumnado da Facultade de Belas Artes. Organizada pola asociación eSe8, co apoio do Concello e da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o ICAA, o festival inclúe na súa programación o espazo Paraíso, “que concentra o futuro do cine experimental a través dun encontro de alumnas e docentes de Belas Artes” que nesta ocasión terá como protagonista ao estudantado das universidades de Vigo e Salamanca. Nunha sección coordinada pola cineasta e profesora da facultade Xisela Franco, Paraíso acollerá a proxección das creacións de sete alumnas e alumnos da facultade. Así mesmo, o festival fixo público este venres as pezas seleccionadas para a súa sección Sinais, que reúne os traballos de preto dunha vintena de cineastas “que cuestionan e rompen os parámetros do cinema experimental ou da vangarda orixinal” e para a que foron seleccionadas as creacións doutras dúas alumnas de Belas Artes, Claudia Pineda e Tamara Goberna.

Segundo informou a organización nesta xornada, o S8 propón neste 2022 unha sección Sinais “totalmente renovada”, que pon o foco nas novas xeracións de “cineastas do ámbito galego, estatal e internacional”. Entre as obras que integran o seu programa atópanse curtas como Corpo d´auga, que a estudante Claudia Pineda desenvolvía hai uns meses nun obradoiro promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o festival Novos Cinemas e impartido polo videoartista Adrián Canoura. Tras estrear na anterior edición do S8, na sección dedicada ao alumnado da facultade, a curta que pouco despois o ICAA levaría ao Short Film Corner do Festival de Cannes, Pineda presenta nesta ocasión unha peza que ten “a auga como elemento principal, como punto de unión e coexistencia”, como apuntan desde o festival. Tamén participou no espazo dedicado a Belas Artes en 2021 Tamara Goberna, que retorna ao S8 como outra das seleccionadas para Sinais grazas a Los apellidos, que presenta “como unha busca, un bucle, un soño” e que naceu tamén do obradoiro impartido por Canoura no campus.

Encontro coas novas xeracións

“A mostra empeza unha nova etapa reconfigurando algunhas das súas seccións e abríndose ao traballo de novos creadores e creadoras”, salientou Ángel Rueda, director dun festival que engloba na súa sección Paraíso as proxeccións tanto das obras do alumnado da facultade pontevedresa, coordinada por Franco, como dun grupo de estudantes de Salamanca, da man da súa docente Laura Gómez Vaquero. Ambos compartirán tamén experiencias no marco dun festival no que a programación dedicada á UVigo leva por título Eu mírome. Memorias fragmentadas e reúne curtas que, na maior parte dos casos, naceron “como exercicios de clase cando se lles pediu que realizaran un autorretrato”, de tal xeito que todas as curtas enmárcanse “no autobiográfico”, como explica Franco. Ese é o caso de Herencia, de César Souto, unha peza “que ábrese á abstracción formal” e que o seu autor “describe entre o movemento e a quietude, entre a morte e a permanencia”. Por outra banda, Andrea Núñez Pide emprega as súas propias vivencias rexistradas en vídeo para dar forma a Dos soles para mí, na que “empodérase fronte aos recordos de palabras inxustas que algún día recibiu”, engade Franco no texto de presentación. Tamén parte do uso de material previo Susurros do enxebre, a curta na que Candela Conde explora o espazo dunha casa familiar “que se remonta a catro xeracións”, ao igual que fai Elio Salgueiro en Soy Elio, un autorretrato no que “trata con valentía a enfermidade e o sufrimento, que doen pero non poden frear a súa necesidade de crear”.

Outras curtas parten do “metraxe atopado” para revisar “o pasado familiar”, pondo o foco en ideas como a da casa familiar e a memoria persoal ligada a esta. Ese é o caso do traballo de Maruxa Alonso Mi casa, tu casa e tamén de 42º17’57.1” N 8º51’00.8”W, que Andrea San Miguel centra nunha “casa arrasada por un incendio”. Por último, tamén se proxectará nesta sección TocoToco, unha curta que Clara Borrazás realizou no obradoiro impartido por Canoura e na que usa o arquivo de imaxes de seu pai voando en helicóptero.