Nenas e nenos achegaranse á mostra Future Stories a través de dous obradoiros

Raquel Álvarez, xunto á obra que amosa no Marco, impartirá un dos obradoiros xunto a Lucía Perdiz

Ata 50 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán participar os próximos días 16 e 17 de decembro en dous obradoiros que impartirán catro das artistas que amosan as súas obras na exposición colectiva Future Stories, que se pode visitar no Marco ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2023. A finais de 2021, a Universidade de Vigo e a Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega Pérez) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, un proxecto ao que se destinarían os ingresos da exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, a través da venda de merchandising. O éxito acadado pola mostra, permitiu ao proxecto Future Stories ofrecer ao alumnado da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus traballos de fin de grao. A convocatoria tamén prevía que os resultados dos proxectos artísticos do alumnado se reunisen posteriormente nunha exposición colectiva nun espazo museístico de referencia, como é o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), que deste o pasado mes de outubro acolle nas salas do seu primeiro andar a exposición Future Stories, o resultado final dun proxecto, que tiña o obxectivo principal de impulsar as carreiras profesionais dos novos titulados e tituladas en Belas Artes e recoñecer o seu potencial.

Agora serán os e as máis novas as que teñan ocasión de achegarse á obra de catro das artistas que participan na mostra, Raquel Álvarez Méndez, Lucía Perdíz Dávila, Juncal A. Castro e Antía Encisa, a través de dous obradoiros que desenvolverán os días 16 e 17 de decembro no espazo anexo e salas de exposición do Marco. O venres, ata 25 rapazas e rapaces de entre 7 a 12 anos poderán participar no obradoiro Un refuxio propio, entre as 18.00 e as 20.00 horas, no que Raquel Álvarez e Lucía Perdiz explicarán as súas obras con especial atención aos materiais utilizados, texturas e sensacións que transmiten. A partir de materiais téxtiles, as e o participantes emprenderán a construción colectiva dun refuxio, adaptándose ao espazo, utilizando recursos dispoñibles na sala, para ir ensamblando os distintos elementos, reflexionando sobre o concepto de arquitectura téxtil, e de espazo habitable, a partir de elementos existentes na contorna cotiá.

Pensando en nós

O segundo dos obradoiros, Pensando en nós, celebrarase o 17 de decembro e nel Juncal A. Castro e Antía Endisa dirixirán un obradoiro no que o grupo formado polos participantes máis pequenos (de 3 a 6 anos) protagonizarán un xogo de movemento individual e grupal, creando una coreografía de xestos. No taller, tomando como base a fotografía da cara, modificarana e intervirán nela a modo de colaxe con diferentes materiais para cerar unha nova cara a partir da anterior.

O grupo das e dos maiores (7 a 12 anos) a partir dunha guía de preguntas cos seus recordos, repartiran anacos e retais de tea sobre os que debuxarán ou darán forma a esas vivencias. Logo, pasando a un formato tridimensional, utilizarán moldes de caras fabricados en resina, que cada neno ou nena pode intervir ao seu gusto. Para participar nos obradoiros cómpre inscribirse previamente.