Exposición ‘Voilà la Femme’ no Ateneo de Marín

Colaxes de Candela Eirea na exposición Voilà la femme

‘Voilà la Femme’ busca dar visibilidade ás creacións das alumnas de Belas Artes

Naceu co obxectivo de reivindicar unha maior representación das artistas nos museos

Xurdida en 1992, da man do catedrático da Facultade de Belas Artes Antón Castro e do artista Antón Sobral, a exposición colectiva Voilà la Femme naceu co obxectivo de pór de relevo a “falta de representación das mulleres artistas no museos, coleccións de arte e grandes citas internacionais”, como destaca a súa comisaria, a artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 da facultade Celeste Garrido. Con ese mesmo propósito, as obras das estudantes desta facultade Lara Cores, Laura López e Candela Eirea, da egresada Nuria Arigbay e de Sofía Pastor reúnense ata o 18 de xuño no Ateneo Santa Cecilia de Marín, na edición número 28 desta exposición.

A través dunha selección de obras de artistas formadas na facultade do campus pontevedrés, “que moitas veces expoñen por primeira vez”, Voilà la Femme busca cada ano “xerar unha reflexión en torno á constante exclusión das mulleres no mundo da arte, extrapolable ao mundo da cultura en xeral”, engade Garrido, comisaria das últimas 25 edicións dunha mostra á que deu nome a catedrática de Belas Artes Yolanda Herranz.

Diversidade de propostas e materiais
Voilà la Femme permite achegarse ao traballo que estas alumnas e artistas desenvolven en disciplinas como o collage, que Candela Eirea emprega desde “un posicionamento crítico”, no que amosa “un interese por cuestións sociais”, salienta Garrido. Nas súas creacións, Eirea vincula esas preocupación sociais con aspectos da súa contorna máis próxima, como as súas propias vivencias na facultade. Lara Cores, pola súa banda, fai uso dunha serie de bolsas de plástico para materializar na súa obra “un rexistro de vivencias” que permite reflexionar, partindo dun material “resistente, itinerante e maleable”, sobre “o fráxil, obsesiva e retorcida que poder ser a mente humana”.

Na exposición inaugurada a pasada semana, poden contemplarse tamén os retratos femininos da estudante Laura López, que busca a partires da distorsión, “na forma ou na cor”, destas representacións, amosar o “aspecto máis psicolóxico e interior” da persoa retratada. Por outra banda, nesta mostra colectiva preséntanse tres cadros da egresada Nuria Arigbay, que a través de diferentes materiais, tonalidades e formas xeométricas busca amosar, explica, “as diferentes personalidades que existen na sociedade e as relacións interpersoais que abrazan ao longo da vida”. A exposición complétase coa obra realizada en mármore por Sofia Pastor Herranz, que fai uso dun código QR para trasladar ao espectador unha imaxe final diferente da inicial.