Trátase de toda unha serie de actividades que complementan a formación do estudantado e axudan á súa normal integración e desenvolvemento no ámbito universitario.

Coa incorporación ao marco do Espazo Europeo de Educación Superior as titulacións transformaron os seus plans de estudos adaptándoos a grao e mestrado, incorporando protocolos de calidade docente que garanten sistemas de seguimento co fin de formular plans de mellora continuos. O Plan de Acción Titorial está estreitamente enlazado tanto co deseño das Memorias do plan de grao e mestrado así como co Sistema de Garantía de Calidade, formando un conxunto de protocolos e actuacións encamiñados a un adecuado desenvolvemento dos estudantes na súa traxectoria universitaria.

A Titorización implica a atención ao estudantado desde unha perspectiva diferente á docente, atendendo precisamente a ese espazo de interconexión entre as persoas, ademais de coidar a interrelación entre o estudantado e o propio medio onde desenvolve a súa actividade. O PAT apunta directamente á persoa para procurar o seu desenvolvemento e integración nas actividades que se xeran, encamiñadas todas elas a unha formación académica e, o que non é menos importante, a un desenvolvemento persoal.

A docencia nos ensinos artísticos implica unha relación moi estreita co estudantado como persoa, por canto o alto grao de experimentación e a vocación coa que ha de transcorrer, supón unha convivencia que sirve de contexto, diríamos que imprescindible, para que a formación poida realizarse. Unha formación que vai declinando o proceso desenvolvido desde o ensino cara á aprendizaxe.

PAT do Grao en Belas Artes