Entrevista a Amaya González Reyes

Amaya González Reyes defínese como unha persoa guiada pola curiosidade, polo pracer de ver e de facer. Di que é artista plástica porque non sabe facer outra cousa e porque iso permítelle explorar, descubrir e facer algo diferente en cada ocasión.

É doutora en Estudos Literarios pola Universidade de Vigo (2020) e licenciada en Belas Artes nas especialidades de Escultura e de Pintura (Universidade de Vigo, 2005). Realizou estancias de traballo e de formación en Arteleku (San Sebastián), Museo Serralves (Porto) e Laboral Escena (Xixón) dentro do programa Mugatxoan; asistiu a diversos talleres con artistas como Gabriel Orozco (Fundación Botín, Santander), Isidoro Valcárcel Medina (Facultade de Belas Artes, Pontevedra) ou David Lamelas (MARCO, Vigo), entre outros; e recibiu a bolsa de creación artística da Fundación Laxeiro de Vigo, a bolsa de produción do programa Mugatxoan e a Axuda á produción artística do Centro Cultural Montehermoso Kulturenea de Vitoria. Actualmente, a súa obra, que se podería definir como interdisciplinaria, está presente en exposicións de arte contemporánea en centros de recoñecido prestixio (CGAC, MARCO, MAC, Círculo de Belas Artes, etc.), así como en numerosas coleccións privadas e públicas como as do CGAC (Santiago de Compostela) ou o Museo de Arte de Santander (Cantabria).

Desde a túa formación en Belas Artes na especialidade de Escultura e de Pintura e o Mestrado en artes escénicas (Universidade de Vigo), movícheste nun campo de traballo de interacción entre disciplinas, empregando diferentes linguaxes e elementos. O uso desa variedade de recursos permite traballar en múltiples direccións. Como ou cando defines o tipo de aproximación plástica que require cada proposta?

Non é algo que defina eu de forma premeditada, ás veces téntoo, pero adoita cambiar. É algo que acontece durante o proceso, é unha cuestión de escoitar o que o traballo vai pedindo e, por suposto, estar atenta e aberta aos cambios, probando e arriscando ata última hora, cando xa se tomaron as decisións finais e resulta obvio que non hai nada que cambiar, porque non podería ser doutra maneira. Tes unha idea para facer un cadro pero, mentres pensas nela e fas bosquexos, descobres que o seu formato non é unha pintura, senón outra cousa. Entón, xa te levou a outro lugar, quizais a unha instalación, ou a un vídeo? Depende sempre do que busques. Como non teño unha técnica estándar, por así dicilo, permítome a elección da que mellor se adapta aos meus intereses. Outras veces, é unha cuestión de responder a un encargo ou a unha proposta, como cando te convidan a facer unha performance, partes do formato xa e a idea pénsase para el.

Tal como dis, no teu caso o desenvolvemento e a evolución da peza é tan importante como a súa materialización. Que importancia adquire o proceso na túa obra?

O tempo é importante para todo e é unha cuestión que me interesa especialmente, desde todas as perspectivas. O tempo e o proceso da obra son crecemento, desenvolvemento, evolución. É o que permite a maduración dunha idea, pero tamén permite a distancia para ver con obxectividade, para dialogar coa obra, para atendela, consentila e ofrecerlle o que necesita. Tamén fai falta tempo para puír, para coidar ata o último detalle, para chegar á «obra redonda». O proceso adoita ser tan importante coma a obra, sen el non se chegou a facer nada, gústame deleitarme nel, moitas veces iso vese, e outras só se pode intuír, pero sempre é clave no meu modo de traballar. Convivo con materiais e con ideas durante anos, fago infinitas probas e xogo moito con eles; é o proceso tamén do que non se ve e do que na maioría das ocasións nada sae á luz ata que lle chega o seu momento, que tampouco sabes cando será.
Cando naceu a miña filla apenas tiña tempo para facer obra, estaba na cama con ela durante horas e comecei a debuxala ás escuras, sen mirar para o debuxo, mirándoa a ela. Inventábame regras para debuxar, sen levantar a man, con varias cores, sen pasar dúas veces polo mesmo sitio… Durante algo máis dun ano debuxeina centos de veces mentres durmía e os debuxos estaban no caixón da mesa de noite. Un día, chamáronme para facer unha exposición individual no MAS de Santander (2016) e decidín expor parte deses debuxos baixo o título No hay nada tan importante. Botaba de menos outros modos de traballar, outros materiais, outras formas, pero nese momento da miña vida tiña outra prioridade, todo o meu pasado estaba encaixado e o meu presente era ese: ser nai e, como artista, reducíase a eses cadernos. A exposición foi ao final unha grande instalación formada por unha selección de debuxos nas paredes e case toda a miña obra anterior embalada no centro da sala. En ocasións, parece que resolves moi rapidamente, pero levas moito tempo dándolles voltas ás cousas e a toma de decisións ao final resulta fácil.

Tamén empregas códigos que van desvelando as dinámicas do propio ecosistema artístico, reflectido en proxectos como Yo gasto (2008), Confesiones (2009) ou Obra(s) ejemplare(s) (2016), entre outras. De que forma cres que está presente o matiz irónico e crítico?

A ironía e a crítica son modos de estar no mundo, gustoume máis usar o humor, e de paso rirme un pouco máis, pero vese que non me sae. Supoño que o propio sistema fai inevitable que ese matiz aflore, alá onde vas é evidente que todo está cheo de modos de estar/ facer moi cuestionables, e convértense en temas posibles, como calquera outro, e logo as circunstancias axudan, eu sempre digo que é o karma, que cada un ten o seu e a min, veume tocado… Mentres preparabamos a inauguración da exposición En efectivo (2006), bolseira pola fundación Laxeiro, e estabamos a instalar as obras, detiveron ao presidente de Afinsa, que era a sociedade patrocinadora das bolsas por aquel entón. Recordo que era un martes e o seu nome era o que asinaba as invitacións da exposición que se inauguraba o venres, o presidente era arrestado por fraude e estafa e no cartón había unha moeda calcada, a exposición estaba chea de fotos de billetes e, por un momento, non sabiamos que ía pasar. Ás veces penso que a ironía está aí, e eu só me atopo con ela, ou máis ben, ela atópase comigo.

É moi interesante o caso de Yo gasto (2008), obra coa que participaches en ARCO (Galería Parra&Romero) e onde traduciches ao lenzo as túas facturas de compra durante un ano vendéndoas polo valor de cada un dos tíckets. Posteriormente, fixeches unha actualización da peza con Yo gasto (In memoriam), 2008-2020, obra que inclúe os lenzos non adquiridos xunto a materiais que acompañaron a obra e a documentación da súa repercusión no circuíto artístico do momento e que agora mesmo forma parte da colección do CGAC. Que nova lectura alcanza esta obra?

Cando en 2008 estivemos en ARCO foi un bombazo, superou todo o que podiamos imaxinar e situoume no punto de mira, en todos os telexornais, eu era moi nova e con moito por aprender aínda e foi un pouco un shock. Todo sucedeu moi rápido e, mentres a nivel artístico todo parecía ir como unha seda, a nivel vital todo estaba a ser moi duro, con perdas importantes, os éxitos embazábanse co día a día fóra da sala de exposicións, foi moi estraño e foron tempos moi intensos para min. Tras todo iso, houbo unha época de parón no meu traballo, na que mesmo me daba medo facer algo, porque temía o que podía acompañalo, pero obviamente non puiden deixar de facer, e aquí estou. Mirar atrás forma parte do meu modo de facer, revisar, resituar, volver ver dáme outra perspectiva. Revisitar esta obra e refacer supón depurar, e tamén construír desde a distancia, con capacidade para revalorar. Agora a obra non está en venda, é unha instalación moi variable en forma, cuxo contido é un depósito de recordos, un almacén de documentos e obxectos dun momento clave no meu traballo. Está na colección do CGAC, o cal lle ofrece a posibilidade de transcender máis aló do balbordo mediático.

Vimos máis veces no teu traballo a reformulación de obras xa realizadas, como sucedeu con Artísticamente (in) correcto (Zona C, Santiago, 2008) e a mostra Artísticamente correcto (Lab_in, Vigo, 2016). Que supón volver pensar sobre obras anteriores e de que maneira se actualizan?

Pasa o tempo e a pesar diso sigo sendo a mesma, un pouco máis vella, e quizais máis cauta, con outras preocupacións, pero coas mesmas inquietudes e obsesións. Hai constantes en ideas, gustos e teimas que perduran e teñen que ver con quen son e como sinto o que me rodea. Ás veces hai ideas nas que sigo pensando, proxectos que quedaron a medias por cuestións de tempo, ou que seguen vixentes porque non dependían da moda do momento, senón de cuestións máis amplas, como o día a día da artista, as condicións das exposicións etc. Sempre son actuais, acordes co seu tempo.

É algo que tamén aparece nas túas performances, onde a experiencia de accións previas pode axudar a configurar outras novas. Pero no caso da performance factores como o público ou o tipo de espazo son máis determinantes.

Gústame aprender de cada traballo, avalialo, repensalo, e tamén continualo se é posible. Aínda que hai pegadas dunha acción noutra, sempre se conciben de forma autónoma e non se necesitan para referenciarse, é o mesmo universo, pero outra etapa. O espazo e o público forman parte da acción, penso neles, sempre traballo co espazo de forma específica e penso no que vai ver o público, e como todo iso forma parte do que vai suceder.

A experimentación, ou o azar, é outro dos recursos que normalmente introduces nas performances. Que che interesa explorar?

Interésame explorar os procesos de creación, e todo aquilo que me poida sorprender, os materiais, as situacións… Houbo un tempo que me definía como unha exploradora de procesos artísticos, xogaba cos obxectos, os materiais… Traballaba coa premisa «que pasaría se» e facía probas, experimentaba calquera cousa que se me ocorría e trataba de dominala, de sacar algo de proveito, era como un adestramento… «A ver se consigo facer algo interesante con isto», e fallaba moito, pero saían cousas a base de explorar posibilidades. Encántame que me sorprendan os encontros, o inesperado, e iso xorde cando non tes as cousas baixo control e deixas espazo ao azar. Se traballas así tamén necesitas tempo para facer, ver, observar, analizar, volver facer, repensar… É unha metodoloxía que require moito tempo. Encántame imaxinar, sempre podemos deixar que as ideas nos sorprendan, dándolles miles de voltas, case ata o infinito. Son como unha nena grande que (re)inventa para non aburrirse.

A obra como experimento ou revisión do social. É algo que trataches en pezas como Todavía no tengo prisa, acción realizada no marco do congreso Fugas e Interferencias no ano 2018 ou Desfile entre tiempos (Festival Plataforma, Santiago de Compostela, 2021).

O social é inherente ao acto, sobre todo ante os demais e en espazos públicos. Resulta tentador usalo todo, facelos partícipes, que non estean alleos, nin a xente nin os espazos. Gústame construír atendendo ás variables, independentemente de cales sexan. Son un ser social, a maioría das veces, aínda que me custa.

A arte da performance ten ese carácter de inmediatez que permite diversas interaccións e que escapa ao control da persoa que a realiza. Tamén permite darlle outro valor ao tempo. En todo caso, dirías que, dalgunha maneira, está presente a acción no espazo expositivo?

Si, sen dúbida, ben a través de pegadas ou de xestos, hai intencións, hai intentos de dirixir as miradas, suxerir os percorridos, posibilitar as experiencias.

En relación cos modos de exposición, poderiamos dicir que non te cingues aos patróns clásicos de montaxe, senón que profundas nas características do propio espazo, deixando así mesmo entrever a idea dun proceso en constante construción. Como se a obra se mostrase en diferentes estados ou se cruzasen o seu pasado e o seu presente.

Hai obras que funcionan sempre, independentemente de onde as coloques ou como, a esas é ás que hai que aspirar, sen dúbida, pero mesmo así hai que tratar de pensar en todo o demais, en como dialoga co que a rodea, como se percibe, etc. Normalmente o contexto é unha boa ferramenta de traballo, unha máis. Cando teño unha obra pensada e chega a ocasión de facela ou expola teño a necesidade de pensar como e onde se vai mostrar, e con iso toca reformular algunhas cuestións para sempre dar a mellor versión de si mesma. Están vivas sempre.

Outra cuestión que resulta significativa no teu traballo é o xogo co obxecto e a súa propia concepción ou significado, elementos usados, novos ou introducidos desde outros contextos e que xeran impactos e interpretacións renovadas cando os miramos desde o prisma do artístico.

Si, gústanme as cousas, os obxectos, o vello, o novo… Gústame buscar ese lado artístico en todo, é coma un xogo de descubrimento. Apaixóname descubrir, explorar, buscar posibilidades, darlles voltas ás cousas, experimentar con elas…

Nalgunhas das túas propostas exprésanse sensacións que teñen que ver co cotián, o emocional, e que en ocasións parten da túa propia vida ou subxectividade para posteriormente presentalas ante as persoas espectadoras, que moitas veces poderán empatizar co discurso. Neste sentido, gustaríame saber como valoras a idea dos afectos na arte.

Non concibo a arte sen afecto, nin sen que me afecte. É inevitable a relación co eu, máis aló de que sexa evidente ou non. Intento que as obras sexan autónomas, independentes, que se vexan máis aló da miña situación, da miña vivencia ou do meu contexto, pero é evidente que está aí, de forma máis ou menos clara.

Canto hai de introspectivo no teu traballo?

Menos do que debería creo, pero máis do que se ve nunha primeira ollada, como seguramente se pode intuír nesta entrevista.

Moitas grazas Amaya!

 

*Entrevista realizada por Sara Donoso en colaboración con Carmen García Infante